logo opinionA cerámica identidaria de Otero Regal 23.09.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA
Viveiro sempre sorprende na creación artística e literaria. É unha desas cidades galegas con raíces propias e sempre dadoras desas flores perfumadas e de bo ver que un non deixa de lembrar e conmemorar. En Viveiro está o meu vello amigo e guía extraordinario, o poeta Xoán Neira e a súa dona, Ánxeles. Eles sempre teñen algunha sorpresa para revelar dese Viveiro sacro e profano; tenro e aquecedor. Este ano tocou percorrer a factoría ceramista de Alfonso Otero Regal, nos arrabaldes de Viveiro, e construída sobre unha antiga fábrica de curtidos que varias instancias dela conservou escrupulosamente. Todo un espazo ben medido e contado, como se se tratase de aplicar a canónica de medir e contar un gran soneto renacentista. Aí está metido todo o proceso de inventiva, execución, exhibición museística e venda.

Otero Regal é un artista dinámico e práctico, que nos mostrou todo o proceso ceramista e, mesmo, falounos de varios estadios artísticos de execución manual. Ese seu dinamismo de busca e descuberta, á galega, conxúgase coa práctica catalá que el asumiu desde cando foi alumno na Escola de Belles Arts de Barcelona. Nótaselle a enxebreza galega e a pragmática catalá. Ollar os produtos de Otero Regal nunha tenda a contemplalos en seu grande volume museístico, o valor estético e creativo é cambiábel.

Estamos acostumándonos, os galegos, a perder a nosa noción identidaria. Hai moitos artistas que non expresan a súa creación coa identidade galega, e aínda que sexa un don da súa liberdade, non lle podemos chamar arte galega. Arte galega é aquela que de diferente xeito expresa unha terra con identidade propia e personalizada como é Galiza, cuxos matices estilísticos toman un carácter universalista.

Todo ese compendio ceramístico de Otero Regal conforma unha serie de correntes identidarias onde Galiza a vemos transcendida en centos de particularidades propias e intemporais. Aí está a viveza bulidora da nosa identidade e universalidade. A nosa Terra convertida en arte. A Galiza tráxica, a transcendente, a silente, a humillada, a venerada, a púdica e laica e, tamén, sagrada. Todo en convivencia baixo o código desa garrida identidade que na súa exploración xeométrica, non ten lindeiros nin caducidade. Todo converxe grazas a ese vencello de liñas, ángulos, puntos de fuga, volumes, luz e cor.

A Galiza antropomórfica e ­zoomórfica en súa máis personalizada vangarda, respira ancestralidade nas figuras que Otero Regal modula. Formatos con matices figurativos e abstractos, que non deixan de ser o cántico telúrico máis puro e celebrado que clama nesas formas de preponderante rigor.

Otero Regal é un creador, no sentido mais amplo da palabra, que sabe o que toca e o que modula e, sobre todo, nos fai partícipes desa materia que vai particularizar varios extractos antropolóxicos dese visualismo identidario. O xeito e os xestos, tanto estáticos como en movemento, deses formatos de rostros de madonas e de maternidades teñen a particularidade de ser dinamicamente e dialecticamente galegos.

A cerámica industrial galega, como é a de Sargadelos, ultimamente con inxerencias alleas ao formato orixinal cos que Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane lle deron ese perfil identidario, os novos donos están abandonando eses contidos ou cinicamente introducindo formatos que pouco ou nada teñen que ver co proceso orixinal onde Galiza era un todo.

Os contidos ceramísticos de Otero Regal -non sei se chamarlle cerámica industrial, dado que parte da súa formatura pasa por un proceso manual- concentra orixinalidade do que se ve e palpa desa Galiza orixinaria. Hai temarios que xa desapareceron da vida real e funcional da Galicia de hoxe en día, mais nesta cerámica resucitan de novo e toman vida contemplativa e sempiterna.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía