logo opinionRamón Suárez Picallo, na súa terra 14.10.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA

Hoxe está prevista a chegada dos restos mortais de Ramón Suárez Picallo (Veloi-Sada, 1894-Buenos Aires, 1964), o home pobre que exerceu variados oficios de sobrevivencia: labrego e mariñeiro na súa terra, na emigración en Arxentina tivo moitos oficios, como a de pasteleiro. Con eles emancipou a súa superación e conseguiu pasar de autodidacta a posuír estudos suficientes para realizarse como xornalista en varias publicacións; sindicalista na grande urbe porteña e máis tarde conseguiu a licenciatura de dereito e exercer de avogado. Con este currículo de autosuficiencia converteuse en rara referencia a imitar nunha época onde as tempestades políticas arrepiaban. O mozo Suárez Picallo posuíu o don e a virtude para defender os traballadores e a causa galeguista e republicana.

Con anterioridade á proclamación da II República, 14 de abril de 1931, el xa tiña acicalado como dirixente puntuais alternativas políticas referenciadas no panorama galego. Nos seus ires e vires de Galiza a Arxentina proxectouse o afanoso civilista que en 1931 axudou a crear o Partido Galeguista e obtivo a acta de deputado pola Coruña no Parlamento republicano. En 1936 recunca de novo nas eleccións do 16 de febreiro.

Como parlamentario chama a atención a súa presenza en varios negociados democráticos, destacando a denuncia sobre os problemas polos que pasou o seu país. A dignidade con que Suárez Picallo mantivo en vilo a toda a cámara de deputados cando parlamentou sobre a defensa dunha Galiza sen dependencias e dona de si mesma. Xunto aos outros deputados galeguistas, Castelao, Otero Pedrayo e Villar Ponte, podemos dicir que foi unha etapa de ouro para proclamar verdades sobre a situación de pobreza e subdesenvolvemento social e económico, tal como foi referido durante unha semana do maio de 1932, en discusión parlamentaria coñecida como Problemas de Galicia, onde Ramón Suárez Picallo expuxo e promoveu todo un ventallo de cuestións e de diversas magnitudes que, sen dúbida, teñen un carácter histórico.

Ramón Suárez Picallo foi un dos grandes oradores do parlamento republicano, recoñecido por seus propios adversarios políticos. Os seus discursos de longa duración propiciaron un caudal pragmático para verificar a sempre aprazada problemática de Galiza. Tivo enorme coherencia en reflexionar sobre aquela Galiza esmorecida e maltratada que Picallo representou no seu escano parlamentario de Madrid. No Diario de Sesións do Parlamento republicano permanece a memoria de seus discursos, onde se compendia a arte da súa oratoria que deu luz e osíxeno a un debate sobre problemas que endexamais foron expostos nun escenario tan particular como o parlamentario.

Ramón Suárez Picallo deulle a Galiza unha dignificación enorme, abrindo un novo proceso para verificar un estado de cousas nun país colonizado. Non precisou de dicir que somos un país colonizado, bastou con referenciar varios puntos negros para palpar as infamias e a exploración que imperaba en Galiza. Político e intelectual do seu tempo, que soubo asumir a realidade dunha Iberia inconcreta e Galiza como tea de fondo aspirando a ser ela mesma. Velaí os esforzos de Picallo, coa súa presenza activa e desinteresada pola construción dunha Galiza soberana. Aí está ese caudal discursivo en mitins (máis de 200) que pronunciou en toda a xeografía galega en pro do plebiscito do Estatuto galego de 1936. Tamén foi o home que soubo comprender e estimular que socialismo e nacionalismo son recíprocos para orientar a cidadáns sen dereitos sociais en pobos asoballados.

Benvido á Terra amada, dese longo exilio en Nova York, República Dominicana, Chile e Arxentina, ao que fora presidente do Consello de Galiza, o patricio, Ramón Suárez Picallo.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía