xose 1200x230

A democracia imperial 04.11.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Hoxe é o día da grande exhibición imperial. Todos os poros de certa cidadanía ianqui respiran a vella democracia, con estilo e senso impropio do que un percebe a orde e transparencia democrática. Mais a máquina imperialista engráxana dunha maneira tan particular que non renxe, pero perde aceite por furados que xa eles mesmos non controlan. Unha máquina perfecta -coidan moitos- mais o que preside esa tal maquinaria pode que teña unha dilixencia bastante secundaria ante o que representan os verdadeiros elos desa cadea que mobiliza todo o conxunto da inmensa roda. Os elos teñen seu propio nome: Pentágono, CIA poderes económicos e ocultos que subxugan os ficticios poderes democráticos.

E nesa elemental subordinación o teatro electoral está servido para todos os públicos, menos para eses parias maioritarios e marxinais. Quizais estes teñan un sentido do humor tan veraz ante os que claudican ante esa enorme e carnavalesca farsa que se converten en farsa. E se verificamos o censo de votantes nos Estados Unidos, a cifra é enormemente conmovedora, un 35% vai ás urnas.

Os escépticos expoñen razóns e vontades para non circunscribirse nesa masa minoritaria que segue aos dous únicos candidatos permitidos por obra e graza do diñeiro que reparte migallas e sarcasmos. Un en nome dun elefante e o outro dun burro, que simbolizan a forza dese poder omnímodo que representa a máquina imperialista. Republicanos e demócratas, cos mesmos intereses e as mesmas ambicións, mais con diferente floritura. Dous partidos únicos como referencia das lindezas desa máquina.

Non se atopa diferenza entre os Rockefeller republicanos e os Kennedy demócratas. Os dous clans representan paralelas riquezas e o mesmo orgullo americano. Só cambian na forma de engraxar a máquina. Así que o sistema desa máquina é inalterábel co partido que ostente o poder.

Os dous cometeron os mesmos erros e agresións, de diversa maneira, aí están os incesantes bombardeos do Vietnam, do demócrata ­Johnson, ou a axuda a Latinoamérica que o demócrata Kennedy propulsou, e que foi o principio da longa débeda que aínda subordina moitos dos países aos intereses americanos. Estes exemplos son compartidos cos republicanos.

A gran ditadura de fachenda democrática exhibe cada catro anos todo ese folclore, cando todos sabemos que Estados Unidos é unha ameaza permanente á propia democracia, cando invade outros países; mantén seres secuestrados en campos de concentración, como o de Guantánamo; practica a pena de morte; o valor primordial das súas elites dominantes é o diñeiro; máis de trinta millóns dos seus cidadáns son pobres de solemnidade; e a discriminación racial continúa estando nos seus puntos álxidos.

Tanto John McCain como Barack Obama van engraxar esa máquina ao seu estilo republicano ou demócrata, aínda con diferenza do xenocida George Bush, xa á cabeza do inventario máis sinistro dos peores presidentes dos Estados Unidos. Mais a elección de hoxe esta decantada en favor de Obama, pola sinxela razón de que nestes momentos lle toca a vez aos demócratas. Así o esclarecen máis de douscentos xornais que son os seus animadores, moitos deles do bando republicano.

Estas eleccións achegan unha novidade, que por primeira vez un dos dous pretendentes á coroa do imperio é mulato. Obama non é negro, é mulato. En Norteamérica aínda non se consenten os negros. Aínda que en Europa digamos que é negro, Obama matiza constantemente que é mestizo, fillo de negro e de branca.

Ao igual que Condoleezza Rice, Collin Powell e outros que participan nas altas instancias do poder, son mulatos. Así que o sistema é discriminatorio mentres os negros continúen baixo lupa. Mais como dixo Walt Whitman: "The ostent evanescent".

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras