logo opinionNo centenario de Jorge Oteiza 02.12.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA

Hai cinco anos que o mundo da arte perdía un enorme creador: Jorge Oteiza (Orio, 21 de outubro de 1908-Donostia, 9 de abril de 2003). Neste ano conmemórase o seu centenario, co lamento dun xornal vasco que mencionaba a pouca acollida que había en Euskal Herria para lembrar a Jorge Oteiza. Coido que Oteiza é presente e futuro dun memorial no que sempre estará vivo como un dos grandes creadores da modernidade. Desa enorme revolución da arte protagonizada por un euskaldún, que buscou nos referentes da cultura vasca as esencias máis vivas e rotundas das diversas particularidades milenarias de Euskadi.

Non é fácil que un autor da dimensión de Oteiza predomine intacto fronte a esa barulleira actuante que sementa odio a todo o que soa a vasco, catalán ou galego. Desde ese centralismo inténtase momificar e neutralizar os respiros dunha cultura que connota varias frontes e resucita permanencias. Polo tanto, a intolerancia dese españolismo rancio contra Oteiza tivo varios efectos, de carácter minúsculo, porque o poder intelectual do bardo de Orio foi tan profundo, no que toca á nación vasca, que non é fácil esquecer todas as súas recreacións e interpretacións que emanan dese sentimento de ser e estar definido como nacionalista.

Polo tanto, todos esas esculturas volumétricas expresan conceptos e dimensións dun concreto identificador da intemporalidade creada de Oteiza. Da intemporalidade de Oteiza falou Margit Rowell, ao contemplar conceptos formais dun escultor que creou modernidade nun país non moi acostumado a estas experiencias. É verdade que Oteiza viviu e connotou un contexto histórico como o de Euskadi, que representa para un nativo ou para alguén que se deixe consubstanciar coa realidade física e humana de Euscal Herria. Oteiza percibiu os valores espirituais que emanan da propia terra, como fío condutor dunha experiencia telúrica e panteísta, nas súas mais extensas frecuencias prehistóricas. E neste punto, as interpretacións filosóficas que aportou Oteiza ao contexto creativo son a clave para entender a modernidade dun home sustanciado co seu país. Eses volumes nos que están as frecuencias: espacio e tempo transcendente, chama a atención a plenitude metafísica dun home que entendeu a súa existencia desde unha perspectiva ideolóxica.

Euskal Herria non esquece o creador Jorge Oteiza, os seus volumes escultóricos proclaman soberanía, en moi diversas lecturas. Os vascos que profundan no seu país saben que Oteiza creou moitos camiños transparentes para acadar ese centro de tensión nacional e non de delirio nacional.

En certa ocasión, nunha exposición de Chillida no Museo Guggenheim de Bilbao, subindo o elevador, un visitante fixo unha proclama deste escultor, a guía non resistiu máis, despois de ollalo e oílo tensamente, e propinoulle: "Chillida foi feito a medida dos outros. Oteiza é emerxente do inacabábel e intocábel, que é Euskadi". Aquel bo home ficou mudo e quizais comprendeu que os vascos coñecen puntualmente os porqués dunha situación anómala a que Oteiza tratou de subsanar vencendo erros e contubernios alleos opostos á modernidade nacional.

En Oteiza temos o buscador da soberanía cultural, racial, artística e social, como marco diferencial. Temos ao mergullador que atende as creacións máis ancestrais e nunca contrapostas coa modernidade. Así o mostra o seu ensaio El Realismo Inmóvil: El grego, Goya y Picasso. Desde aquí estamos na parte ascensional do verificado sobre arte rupestre, pasando polo cromlech de Stonehenge e interpretando os cromlech megalíticos vascos, para achegarnos ás máscaras sagradas africanas. Todos estes parámetros estudados ilustran intrinsecamente a parte espiritual dunha nación expresada na modernidade mais intensa de Jorge Oteiza.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía