logo opinionOs galegos nas letras portuguesas 09.12.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA

A índa quentiño do prelo, acaba de chegarme: Os galegos nas letras portuguesas, un libro coordinado polo xornalista, Manuel Rodrigues Vaz e publicado por Pangeia Editores. Unha edición que galegos e portugueses notabamos a faltar.

Non é un traballo fácil a busca que logra os seus fins. Por iso que este tipo de libros teñen o seu risco cando se dan prioridades indebidas. Mais no esencial é un libro necesario e puntual, feito á medida dun home que entende Portugal e Galiza, desde unha visión contextualizada no que se ten configurado desde Portugal cara a Galiza e viceversa.

O Vaz é un xornalista que se ten destacado en varias parcelas da información, desde a Angola preindependencia ao Portugal postsalazarista. Combinou varias facetas como informador de noticias e como crítico de arte e, sempre, puntual nos aconteceres cotiáns.

O tema dos galegos en Portugal foi para o Vaz un simulacro tentador que sempre o tivo presente fronte ás laceracións vidas daqueles escritores burgueses da Lisboa cosmopolita e culta que ollaban os galegos dunha maneira grotesca e pouco cimentada na realidade dun país colonizado.

Isto é o que recolle Rodrigues Vaz, dunha maneita puntual e precisa, dado que o texto é transcrito. Aí está o elemental da cuestión, dado que non merece interpretar a intención, senón mesmo o que se di.

Coido que o Vaz escolleu os textos menos airados e violentos contra os galegos. Notamos a faltar certos textos de escarnio contra a presenza galega en Lisboa, ditos por grandes cultistas da literatura portuguesa. Sempre desde Lisboa, desde onde peor se entendeu os fillos da Galiza que souberon, dignamente, abrir canles en Portugal.

Manuel Rodrigues Vaz viaxa pola Galiza non para facer turismo senón para amala. E isto enténdese dun beirão de Moimenta da Beira, terra de Aquilino Ribeiro, de Luís Veiga Leitão e doutros grandes escritores desta Terra do Demo -como eles denominan-.

Unha terra esgrevia, mesmo onde acaban Trás-os-Montes e as Beiras comezan. Unha terra moi precisa con moitos acentos físicos e ancestrais da Galiza.

Isto para o Vaz, que vive en Lisboa, a Galiza non a ve cos ollos da indiferenza. Por iso postulou un libro lineal, sen atrancos nin confusións; un libro de permanente utilidade que quen o lea non vai ficar frustrado. Todas esas opinións de persoas do pasado e da actualidade pode que nos emancipen nunha certeza, que galegos e portugueses aínda estamos collidos polo mesmo cordón umbilical, que a patria común aínda non nos desligou. E isto recóllese, tamén, no sentir de certos escritores que transgrediron aquela maldade tan cínica como perversa que utilizaron algúns mecenas que sempre tentaron separarnos a portugueses e galegos.

Neste libro hai textos para conmemorar dado que moitos autores non confunden os galegos cos "espanhois", como é moi habitual en certos persoeiros que invocan a soidade deprimente, fronte a unha política de expansión castelá, sempre mal comprendida e usada con belixerancia polo centralismo dos catolicísimos Isabel e Fernando de Castela.

Este libro fusiona unha serie de opinións contextualizadas en varias temporalidades cuxo espazo procura reencontrarse desde o lado portugués en moi diversos horizontes. Fomentar irmandade e conducir esas ideas que se manifestan neste libro sempre será un acto nobre que posibilite aceptarnos tal como somos e alén das discordias que os tempos frustrantes impuxeron desavenencias.

Este libro, alén do coordinador, Rodrigues Vaz, conta co contributo artístico de Helena Justino, protagonista das esmeradas ilustracións que definen as variadas instancias e oficios dos galegos en Lisboa. Esta é unha Edição Comemorativa do I Centenário da Xuventude de Galicia e que contou co apoio da Xunta de Galicia.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía