logo opinionNo centenario de Emilio Ballagas 18.11.2008

XOSÉ LOIS GARCÍA

Os centenarios dedicados a persoas notorias dannos ocasión de celebralos e entrar na personalidade e na obra que nos legaron. É bo lembrar cando se consegue seguir o rastro de moitas eficacias que a persoa que conmemoramos nos deixou e nos suxeriu materia para descubrir. Este é o caso do poeta cubano Emilo Ballagas (Camagüey, 1908-A Habana, 1954). Unha vida curta, corenta e seis anos, chea de contidos e de destinguida singularidade. Isto permítenos entrar nas diversas fases poéticas de Emilio Ballagas que pertence a esa estirpe mulata camagüeiana e ás fontes líricas das que bebeu o propio Nicolás Guillén.

En Júbilo y Fuga (1931), un dos primeiros poemarios seus, xunto con Blancolvido e Cuaderno de poesía negra, son libros que priorizan na poesía de Ballagas o impacto étnico da afrocubanidade. Tamén procurou horizontes novos, para determinar a esencialidade do negro e mulato que se perpetúa na poesía cubana. Ballagas culmina unha obra que moi poucos ignoran, por ter uns acentos tan personalizados, tanto no Modernismo como nas sendas de José Martí. Martí, o Apóstolo da Patria cubana e da dignificación da cubanidade ten na obra de Ballagas seus apousentos no que toca a guía tradicional do existencialismo cubano. A poética de Emilio Ballagas ten un compoñente acopladicio en diversas tendencias que se deron na poesía latinoamericana e española, sobre todo da Xeración do 27. Ballagas entronizou a Federico García Lorca nos seus acentos poéticos, tan concisos que a partir de Lorca nos remonta ao propio Góngora, de quen Lorca era un irrenunciábel descubridor que introduciu na mencionada xeración.

No poema de Ballagas titulado El campesino herido está presente esa tendencia lorquiana, tanto no ritmo do poema como en varias imaxes que transcenden do mesmo. A primeira estrofa de El campesino herido desvela esas frecuencias tan presentes en Romancero Gitano e Poeta en Nueva York, cando di: La luna se hizo menguante/ para no ver su agonía./ La luna medrosa atisba/ por un filo de su cara/ ¡Luna de cañaverales,/ luna de miseria y sangre.

Non é estraño que García Lorca, despois de pasar pola Habana e Santiago de Oriente, ao seu paso de Nova York, deixou unha constante de seguidores no universo poético cubano de inmensa magnitude. Por tanto, non debemos ignorar que esa tendencia lorquiana foi cultivada por Ballagas, entre outros. Non estamos posicionando a Ballagas como un epígono de Lorca, porque non o foi por moito que García Lorca o marcase. Nesta liña, observamos certas connotancias na poesía do cubano vindas de Pablo Neruda e de Luis Cernuda.

O poeta de Camagüey non escatimou esforzos por manter viva dúas esenciais preocupacións que se detectan na súa poesía, o compromiso coa súa xente: creadores de cultura e de riqueza material e espiritual e un compromiso coa verdade como lexitimación dos pobos, cando esta é vulnerada. Por iso que, na súa obra titulada Poesía social sitúa varios compromisos de denuncia como no poema titulado Madrid, 1937 dedicado a Pablo Neruda e a Rafael Alberti, os seus versos definen aquela resistencia: Madrid, deja que llore y me arrodille;/ Madrid, deja que llore y que en ti abrace/ la criatura de sangre de la historia,/ esa palabra nueva, Madrid mío.// ¡Alborada! ¡Alborada!// Arco de gloria/ por donde el hombre entra/ a su destino verdadero de hombre.

O perfil poético de Emilio Ballagas ten un carácter intransixente ao considerar a verdade existencial como insubornábel e, tamén, da maneira como o formula, cunha linguaxe concisa e deliberada. E neste apartado, o coloquialismo poético de Ballagas evita trasnoitar en tempos superados. A busca de recursos innovadores cimentan toda esa estrutura poética de nutrida sensibilidade.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía