xose 1200x230

A Ribeira Sacra, patrimonio universal 16.12.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Salvar a Ribeira Sacra é unha prioridade fronte a múltiples depredacións que vén sufrindo. A despoboación rural altera os espazos desta zona, que temos a obriga de salvar e conservar con urxencia. Esa longa e ampla xeografía de entre ríos, amosa características culturais e naturais que deben ser recoñecidas pola Convención sobre a Protección do Patrimonio Mundial, Cultural e Natural da Unesco.

No que atinxe á cultura, a Ribeira Sacra expresa unha serie de monumentos arquitectónicos comezando polas celosías visigóticas ou ramirenses que aínda se conservan en moitos dos nosos conxuntos románicos que temos a ambas ribeiras do Miño e do Sil. Esa opulencia tan destinguida do noso románico, no que se percibe a nobre arquitectura e singular simboloxía, respondendo ás características do propio medio. Sen a enérxica estrutura que xurdiu destes mosteiros e igrexas: pulmón da repoboación das nosas ribeiras, con socalcos e adegas humildes, con lugares e vilares que durante séculos cultivaron a nosa cultura popular: xeradora de permanentes singularidades artísticas.

A Ribeira Sacra conta cunha paisaxe propia, ordenada por quen a habitou e sempre en función das características naturais. Toda esa ampla rexión natural de entre ríos, desta antiga Rivoira Sacrata, tan destacada na produción vinícola e noutros produtos naturais, articulouse de moi diversos modos e maneiras e sempre en función de necesidades concretas. Esas formacións xeolóxicas e fisiográficas permiten, tamén, contar cunha flora e cunha fauna particularmente autóctona, a pesar de estar ameazadas.

Encoros, abandono dos naturais e intromisións indebidas fomentaron a deterioración nos monumentos, nos modelos de hábitat e dunha paisaxe emerxente que usurpa aqueloutra paisaxe ordenada por labregos e viñateiros. A despoboación da Ribeira Sacra polos nativos e a introdución de foráneos, con outros costumes e perfís, extreman a situación de declive cultural e tradicional.

Dos 141 países que teñen diversos espazos artísticos e naturais que figuran protexidos pola Convención da Unesco, mencionarei os oito primeiros que están á cabeza: Italia con 41, España con 40, China con 35, Alemaña con 32, Francia con 31, Gran Bretaña, India e México con 27. Como podemos ver, o Estado español figura o segundo do mundo con máis monumentos culturais e espaciais declarados, con un menos que Italia. Destes 40 só dous corresponden a Galiza: a cidade vella de Santiago de Compostela, declarada en 1985 e a muralla romana de Lugo, declarada en 2000. Monumentos monásticos; arquitectura popular: pazos e hórreos, continúan esquecidos; espazos naturais como son os Ancares, o Caurel, a Costa da Morte, as Rías, as Catedrais de Ribadeo e a propia Ribeira Sacra merecen ser reivindicados para que a Unesco os declare Patrimonio da Humanidade.

A Ribeira Sacra precisa de protección nacional e internacional, tanto do seu patrimonio cultural e artístico como dos seus espazos naturais. Nas circunstancias en que está este patrimonio só é posíbel protexelo e conservalo coa declaración da Unesco. Mais para isto é preciso que a petición sexa unánime por parte dos organismos oficiais e grupos de presión, sen particularismos partidistas nin intereses creados. Só con estudos tácticos e con firmeza podemos lograr que A Ribeira Sacra sexa valorada internacionalmente. O turismo aumentaría e as infraestruturas de mantemento e protección converterían esta inmensa zona en invulnerábel.

Digamos que a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta, xa deu pasos firmes ao restaurar e rehabilitar monumentos claves do románico ribeirao, así como famosos frescos románicos, góticos e renacentistas de diversas igrexas de gran valor artístico que temos que conservar.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras