xose 1200x230

A traxedia de Palestina20.01.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Unha pregunta determinante: a quen asiste a sen razón no conflito palestino israelí? A invasión de Gaza ten que levarnos a unha reflexión seria sobre o poder bélico que predomina na zona desde o ano 1948. Á falta dun horizonte de diálogo que permita o recoñecemento mutuo de dous estados que están condenados a convivir por moitas razóns, e unha delas é a xeopolítica que nun futuro teñen que compartir.

Os posicionamentos de ambos os lados fracturaron un diálogo que en certos períodos de tempo resolveron achegar posicións. Nestes momentos tráxicos para os palestinos o diálogo, aínda como utopía, merece a pena construílo e practicalo, aínda fronte ao desprezo duns e a prepotencia doutros. As provocacións e as incontinencias violentas existen por parte dos dous continxentes, nun alto grao de inmoralidade política. Coido que tanto o pobo israelí como o palestino pensan ben diferente a uns dirixentes imbuídos nas súas propias razóns integristas e totalitarias: ingredientes que producen ese sobresalto que tantas mortes achegan ao vitimario de Oriente Medio.

Ao falar de mortes hai que ser moi sensato e preciso nunha valoración non acalorada e nada visceral para valorar a monstruosidade dunha guerra. Todos sabemos que a manu militare, executora da irracionalidade en calquera guerra, non atende a prédicas pacifistas nin practica xestos humanitarios, todo o contrario. Os exércitos foron educados para destruír e matar e isto é o que acontece en todos os exércitos do mundo engadindo o de Hamas.

Este vello e inacabábel conflito entre palestinos e israelís, lévanos a unha reflexión: Israel é un Estado soberano e recoñecido pola gran maioría dos países do mundo. Un Estado forte e consolidado, cun enorme potencial militar na zona, que en varias ocasións foi sorprendentemente agredido polos seus veciños árabes. Todos sabemos da resposta contundente da Guerra dos Seis Días (1967) en favor de Israel. Nesa guerra, Exipto recuperou o Sinaí por medio de negociacións e un pacto pacífico que perdura. Un acto intelixente por parte dos exipcios e, tamén, por parte de Xordania. O caso de Siria, practicando unha política non negociadora con Israel, mantén os Altos do Golán baixo o poder israelí, agardando un pacto de devolución e non agresión. Non se pode culpar totalmente a Israel das desfeitas verificábeis nesas confrontacións bélicas. Non ignoramos o masacre do xenocida e sátrapa Ariel Sharón, en Sabra e Chatila en 1982. Tampouco podemos ignorar os mísiles que Saddam Husein fixo explotar en territorio israelí, no conflito de Kuwai. Ou as ameazas constantes do actual presidente de Irán de facer desaparecer o Estado de Israel. Todo isto dá azos e razóns para que a maquinaria bélica israelí e a súa manu militare manifesten a súa arrogancia e poderío.

Yasir Arafat soubo que a loita a tiros ou a pedradas, un acto digno de resistencia, non cambiaría a situación, levándoo a negociar e a abrir unha canle positiva para crear e recoñecer un Estado palestino, facendo concesións un tanto arriscadas pero deixando de lado a pretensiosa idea de liquidar o Estado de Israel. Unha idea pragmática por parte de Arafat. A culminación de tratados por parte da Autoridade Palestina frustrouna Hamas, coa negativa a negociar e isto truncou as esperanzas dun Estado palestino libre e soberano. Hamas non aceptou a vía negociada, antepoñendo a súa paranoia radical de facer desaparecer a Israel. Nesta persistencia fíxose co poder en Gaza, por vía democrática, mais sorprendentemente encetou a persecución armada contra a Autoridade Palestina.

Agora anticipouse a rachar a tregua enviando bombas a Israel, este responde con esaxerada contundencia e consecuencias moi lamentábeis para o sufrido e castigado pobo palestino.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras