xose 1200x230

Incenso e mirra para Núñez Feijóo 03.02.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
O crego de Vedra, Armindo Iglesias, un dos mentores de prohibir falar galego, xa ten un aliado á súa causa, a D. Alberto Núñez Feijóo para que apunte coa súa lanza de gladiador co fin de restrinxir o idioma galego, unha maneira de encubrir prohibicións a curto prazo, no caso difícil de gañar as eleccións autonómicas. D. Armindo debe estar preparado para unxir a D. Alberto con incenso e mirra e concederlle dons para limpar a Galiza da insolente mostaza que elimina os graos das longas e españolísimas searas do PP.

Que o crego de Vedra lance unha ocorrencia que fixo rir a moitos e cabrear a non poucos, saben os lectores que aquela idea de agredir a lingua do noso país, non se demorou e foi recollida de inmediato polo neófito D. Alberto. Pensará que o galego é unha expresión reducida aos contos de vellas de aldea. Por iso hai que refugalo, prohibilo, matalo. Hai que depurar o país de mal falantes; de emigrantes que veñen a Galiza para explotar e quitarlle o traballo aos nosos. Só así é como Galiza "ira bién", coa España única do "va bien" aznarista que pode que lle sirva de epitafio aos eternos e gloriosos gladiadores da España única e invisíbel.

Non pensen que D. Alberto Núñez Feijóo comete unha torpeza, de ningunha maneira, el crea a súa propia gloria para que un día sexa elevado á mesma altura de D. Pelaio. As conquistas sempre pagan a pena e, sobre todo, nun tempo que todo deus refuga delas. Un valente e heroico españolito como D. Alberto fala galego só e para as ocasións diante das cámaras. El sabe que paga a pena a empresa, imitar a Pizarro e a Cortés que andaron en correrías atrás dos nativos de América, cortando cabezas, por falaren as súas linguas; desfacéndolles os seus templos culturais e procedendo na desaparición dunha cultura moito máis avanzada que a dos colonizadores. A herdanza é a herdanza, Sr. Núñez Feijóo. A xenética de humillar ao outro, bole e rebrinca como nos tempos do Mío Cid. E parece que hai moita saudade por aquelas cruzadas de Cánovas del Castillo e do cardeal Isidro Gomà, mais a boa estrela máxica guía os dous cruzados de Vilalba, os señores Fraga e Rouco, que lles pareceu un día que a súa chaira nativa era tan pequena, cando ollaron a contra luz a inmensa meseta do centro e pode que exclamaran: "luenga es Castilla". Estou seguro que o Sr. Feijóo non nos engana, esa cariña de engado e de misterio non pode enganarnos. El di a verdade sobre o galego, esa lingua de xograres, loucos, pobres, emigrantes e xente de mal vivir hai que facela desaparecer para facer un acomodo ó seu ritmo. Hai que fustrigar as esencias, dar puñaladas na raíz e non nas ramas, para exterminar o problema.

O decreto que anuncia D. Alberto para rebaixar os falantes do noso idioma ten como fin impor abertamente unha política de asimilismo e de ampliar a colonización acazapada que existe. O Sr. Feijóo ten moito sentido da homologación e pouco olfacto para detectar a grandeza dos pobos. Dicindo chocalladas que esclarecen o seu descoñecemento sobre a sabia e a madeira de buxo que ten Galiza. El coida que Galiza está feita de adoquín, polo que pasea, sen lanzarse á lama e ao po da realidade en que vive un país aínda lacerado polos tópicos e complexos que as clases dominantes lles impuxeron. Mais hai unha nova realidade, os caciques, subcaciques e lumpecaciques, como caste dominante, están en vías de extinción.

Os vellos tempos deixan de existir e afloran novos proxectos, firmes propósitos e cambio ético. Parece que o señor Feijóo é propenso a esquecer valores democráticos representados no dereito de falar, normalizar e difundir o noso idioma. Todos sabemos das consecuencias de impor por decreto o bilingüismo, o máis parecido a un acuario con peixes grandes que devoran os pequenos.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras