logo opinionOs ovos goros de Núñez Feijóo 17.02.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA
Ao candidato do PPdeG á Xunta de Galicia nas próximas eleccións, Sr. Núñez Feijóo, sáenlle ovos goros por todas as partes, por unha nefasta e precipitada incubación sen saber se eses ovos estaban fecundados. Por iso, o seu candidato por Ourense, Luis Carrera, o ovo estrela, sae estrelado e salpicou sobre os finos visóns das damas que aplauden nas concentracións mitineiras do PP. Moitos coidan que ese tipo de ovos feden de mais cando se lles rompe a casca e fican ao descuberto.

O dilema do Sr. Feijóo e que diga de Carrera: "reconoció su error". O problema está en quen escolle e choca os ovos. E dunha forma lapidaria diga do Sr. Carrera, na presentación deste candidato: "O que eu quero é que o diñeiro dos cidadáns estea por enriba de todo en boas maos, e con Luís Carrera Pásaro, como ten demostrado ao longo da súa carreira, o estará". Unha longa e perfecta carreira ás illas Caimán, para resolver seus propios intereses dunha maneira non moi clara e que teñen que ver coa fraude a Facenda. Se todo isto fose un golpe de efecto para ganar credibilidade ante os electores, ben rudimentario sería o truco como a ocorrencia.

Existe unha especie de emulación no que transcende en prácticas de corrupción. Unha carreira desmedida por imitar e superar a quen anda nestas mañas. Aí están a vista todos eses ovos goros da corrupción que son noticia de destaque e de primeira páxina nos xornais e nos noticiarios, por suborno, branqueo e fraude fiscal, materia para que o xuíz Garzón desmantele, enxuíce e leve ao cárcere persoas vencelladas ao PP, nas comunidades de Madrid e Valencia. E disto ten que dar explicacións o Sr. Feijó en campaña. Optar polo silencio, por evasivas ou que a cousa non vai con el e que el non é responsábel do que fan outros, incorrería nunha irresponsabilidade cos electores.

O Sr. Feijóo está dentro da cuadratura do círculo do seu partido e, polo tanto, debe saber a verdade sobre as supostas espionaxes de certos responsábeis do goberno da comunidade de Madrid, que son o punto de mira da xustiza e sorpresa da cidadanía. E son os cidadáns galegos que precisan, tamén, saber a verdade para actuar en transparencia á hora de votar. O Sr. Feijóo está obrigado a dar moitas explicacións de asuntos do seu partido nesta campaña electoral, polas desconfianzas creadas en torno dos desaguisados entre as diversas ramas que compoñen o Partido Popular.

O desenfreo por impor unha estética nestas eleccións que poñan sombra a esixencias éticas, fraco favor lle fan á democracia. Todo político que non fai unha autocrítica de si e do partido en que milita, o seu proxecto electoral é sospeitoso. Mais no estético tamén fallan, vexamos nunha fotografía de Labandeira JR, publicada en Galicia Hoxe, onde aparece o Sr. Feijóo apadriñado polo Sr. Fraga. Todas esas composturas estéticas esclarecen ao candidato. Coa súa mao dereita en alto e coa esquerda apoiándose no ombreiro de D. Manuel. O candidato do PP que en ocasións fala de presente apoiase e precisa do pasado e ademais colócase á dereita de Fraga. Esa fotografía é todo un símbolo que revela actitudes e vencellos con pasados escurantistas. Leva razón o Sr. Pérez Touriño, cando di que "Feijóo está xa á dereita de Fraga coa campaña contra o galego". Isto é unha realidade, pero non soamente polas súas diatribas contra o idioma galego senón tamén por virar a mirada dos problemas que hoxe ten Galiza que precisan dun debate inescusábel e esclarecedor. Recuar de debates necesarios é estar nas antípodas da realidade e ter nostalxia por un pasado conservador que a sociedade ten superado, debido a cambios estruturalmente éticos e non exclusivamente estéticos. E neste sentido, gran número de votantes do PP cambian a estética panfletaria por unha ética de progreso.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía