logo opinionSargadelos pecha a librería de Barcelona 24.03.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Os asiduos clientes e visitantes da sección de libros galegos e portugueses que a Galería Sargadelos de Barcelona nos ofrecía no carrer Provença, desta cidade, atopámonos co desagrado de que os novos donos non foron puntuais en solucionar o problema de traslado do antigo local ao contiguo no que se atopa a venda de cerámica, con espazo suficiente -na parte traseira- para colocaren os andeis e os libros que forman parte do fondo de vendas. Así levamos tres meses sen que os señores de Sargadelos se inmuten e solucionen este problema.

Un problema que vén dado polas obras temporais, debido á perforación do carrer Provença, por onde pasará o AVE, e que afecta a varios locais da zona entre eles o da librería Sargadelos. Moitos sospeitamos que este peche o aproveite a empresa ceramista como un primeiro paso para desentenderse dos libros, servíndolle de experiencia para continuar pechando outras máis.

É ben sabido que o proxecto inicial de Sargadelos, con Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane á cabeza, era manter nestas tendas dúas expresións culturais: a cerámica e os libros galegos. Sospeitamos que esa realidade tan personificada nas galerías de Sargadelos, teña na de Barcelona o primeiro ensaio de liquidar ese inicial concerto.

Esta anormalidade pode que nos leve a varias lecturas. Non é normal que esta librería cunha clientela fixa e consolidada de usuarios como os que proveñen do Departamento de Filoloxía de Galego e Portugués da Universidade de Barcelona e, tamén, da Universidade Autónoma e doutros centros pedagóxicos da Cidade Condal, se lles deixe ao descuberto. A estes usuarios temos que sumarlles os vellos clientes da comunidade galega en Cataluña e non poucos cataláns que se interesan pola nosa cultura e literatura.

Os señores de Sargadelos, con esta reprobada actitude, fraco favor lle fan á nosa cultura. O silencio forma parte de moitas complicidades na desfeitas da nosa identidade e, até agora, Sargadelos forneceu esa cultura e divulgouna por medio deses espazos dedicados a libros. Parece ser que a dialéctica do diñeiro e do todo vale é o novo lema dos señores de Sargadelos. Unha cousa e renovar e outra liquidar. Así que o tema do Ave é aproveitado, neste caso, para deixar ao descuberto numerosísimos clientes. A tenda de Sargadelos de Barcelona, inaugurada en 1973, con trinta e seis anos de servizo divulgativo dos nosos libros, é un referente vivo nese encontro coa cerámica, coas exposicións temporais e mais coa nosa cultura, a través dos libros en Barcelona. Un espazo con máis encontros que desencontros fica anulado. Agardamos que os señores do silencio teñan sentido común para reorganizar o traslado e conferir un novo espazo activo que teña continuidade. O grupo Sargadelos debe rehabilitar, sen demoras, ese espazo baleiro que ten na tenda de cerámica para normalizar unha situación incómoda que leva meses sen recibir novidades editoriais.

Non é normal que unha librería se peche sen darlles explicacións ou orientacións ós seus numerosos e vellos usuarios. A non ser que a boa ética que se levou até agora por parte de Sargadelos se queira ignorar, desprezando os activos do bo proceder e da seriedade que existiu até agora por parte de Sargadelos.

Agardamos que as sospeitas que temos moitos, na maneira en que se realizou este peche, obedeza máis a unha mala orientación ou a unha preguiza dos que mandan e dirixen esta empresa, que a unha xogada de aproveitar as anomalías que proceden das obras ferroviarias do AVE, que obrigaron a pechar o local por problemas de seguridade, para pechar definitivamente o local de venda de libros. Por outra banda, a librería de Sargadelos en Barcelona nunca tivo crises de venda de libros, porque nunca tivo competencia.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía