logo opinionA Rosalía de Andrés Pociña e Aurora López 14.04.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Os profesores de Filoloxía Clásica da Universidade de Granada, o matrimonio composto por Andrés Pociña (Lugo, 1947) e Aurora López (Sarria, 1948), son os autores do libro, Rosalía de Castro (Estudios sobre su vida y su obra) de Edicións Laiovento. Este estudo convértese nunha severa implicación na obra rosaliana, desde moitos aspectos e diversas incursións, que nos levan a unha extensa descuberta de aspectos inéditos que ficaban nas entretelas do silencio.

Unha douta obra para uns tempos en que pouco priman as investigacións. Mais Rosalía non deixa de ser noticia; non envellecen os seus versos nin fica na caixa do esquecemento. Rosalía continúa sendo noticia, primicia e descuberta segura. Na súa obra non hai lindes que fagan parar de súpeto a quen a procura. Aurora López e Andrés Pociña internáronse noutra dimensión, noutro tránsito dos que moitos non souberon entrar e desmiuzar os seus versos. Uns versos xurdidos do diálogo coas cousas, desde moitísimos ámbitos. No metafísico, atopamos unha Rosalía non revelada por moitos dos seus investigadores. Aínda fican moitas claves encubertas das que cómpre indagar.

A investigación que se concreta neste libro de Pociña/López fundaméntase nunha dimensión orixinal que comeza por unha ampliación biográfica que abarca, cronoloxicamente, aspectos non transcendidos até o de agora, na obra de Rosalía. Un paralelismo necesario para entender o panorama literario, socio-económico e social de Galiza e do resto do Estado español. Un bo destaque de feitos para unha reflexión desde o lado rosaliano e a valoración do seu cotián.

Nun segundo apartado, sobresae unha sobranceira investigación sobre certas edicións sobre Rosalía, que mereceron recoñecemento pola súa laboriosa precisión. Andrés Pociña e Aurora López abondan en sobresaltar en dous capítulos. Un deles trata sobre Eduardo Blanco-Amor entre Rosalía e García Lorca. Unha boa ocasión para entender outro lado do escenario rosaliano. Un compendio necesario no que se articula, desde o lado crítico, que estes dous autores mostran a grandeza dese desafío permanente que a obra de Rosalía nos ofrece. Outro capítulo deste apartado achega referencias sobre unha edición de Cantares gallegos.

Nun terceiro apartado é onde Pociña/López penetran na obra de Rosalía tomando como referencia outros autores clásicos do noso Rexurdimento, como Curros e Pondal. Formulación necesaria para entrarmos no lado máis serodio da obra de Rosalía, no que toca a unha investigación inacabada por parte de certos críticos e especialistas da nosa autora. Neste apartado hai elementos estudados por estes dous catedráticos da Universidade granadina, que abordan a problemática da muller en Cantares gallegos. Temas tan singulares como a auga na obra de Rosalía, unha presenza inaudita non demasiado estudada que nos mostra o lado profundo e revelador de varias temáticas sobre o universo acuático rosaliano. Sobresae, tamén, a contextualización entre Rosalía e Virginia Woolf.

Do tema histórico rosaliano procésanse varias direccións e algúns deles desde o lado andaluz, como o apartado que se ocupa de revelar a Rosalía cantada en gallego por poetas andaluces, A Rosalía de Federico García Lorca, de Gerald Brenan, de Ricardo Carballo Calero, de Camilo José Cela e de Luz Pozo Garza, que postulan, neste cuarto apartado, unha das investigacións máis nítidas e singulares que encarnan un novo ritmo e unha nova orde ao trazar obxectividades dun formulamento innovador.


O quinto apartado está dedicado a notas bibliográficas, nas que se salienta unha nova singradura nos aconteceres dos cento vinte anos da bibliografía rosaliana. Toda unha verdadeira revelación que nos anticipa que Rosalía de Castro é actual e intemporal.

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía