xose 1200x230

Mini e Mero, padroeiros de ouro 21.04.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Este dous chairegos, Mero e Mini, dedicados a facer nación, a connotar país, con e sen instrumentación musical, que durante moitos anos prevaleceron como instigadores dun compromiso que a moi poucas persoas deixaron indiferentes. Sementadores de froitos patrióticos, tan apetitosos como para degustalos acotío. Quen non goza con esa nova colleita e recompensa que a Mini e Mero se lles outorga o prestixioso galardón do Pedrón de Ouro 2009? Coido que a todos congratula ese traballo musical que Mero e Mini, co seu grupo A Quenlla, que eles fundaron para crear conciencia de Galiza e non por simple interese económico e que tantas veces teñen mostrado que o diñeiro non é a súa ambición. As múltiples presenzas en tantos actos de irmandade, sen cobrar e incluso pagando eles o combustíbel do auto, son escasísimos exemplos os que protagonizan este tipo de filantropía, tan necesaria para un país, como o noso, tan cargado de desfeitas e de contradicións.

 

Toda esta xenerosidade ten a súa recompensa en recoñecementos como o Pedrón de Ouro que se lles entregará o 24 de maio na casa de Rosalía, en Padrón. Mais o pasado ano a Asociación Cultural Xohan de Requeixo de Chantada organizou unha homenaxe a Mini e Mero con A Quenlla, que resultou ser un encontro popular ao redor destes dou mentores e do seu grupo. Para esta ocasión, publicouse un libro: O Traque da Quenlla, con DVD e CD, no que colaboraron diversos intelectuais. Un deles, Alfonso Blanco Torrado, argumentou: "A Quenlla é un fito significativo na cultura. Mesmo, polo esforzo por manterse vivos, nun tempo no que case todo é efémero. Crear e traballar en equipo tantos anos, é de agradecer. Mini e Mero, arestora robustecidos neste grupo, xa tiñan a vocación de consolidarse, a pesar das incidencias, en Fuxan os Ventos... Isto supón unha tensión engadida, á frescura necesaria para a creación. En tempos recios para a canción galega, sobre todo, a interpretación da poesía".

 

Mero e Mini saben moi ben que para reconstruír nación hai que buscar nas nosas diversas arqueoloxías eses cachiños de pezas dispersas e ocultas para recompor o que nos é vital para articular ese crebacabezas chamado Galiza. Por iso é que Mini e Mero, á usanza dos trobadores medievais, saben moi ben que o verbo trobar, en provenzal e catalán significa atopar. Se eles troban (atopan, encontran) é porque buscan. E para reconstruír ese crebacabezas, son precisas as buscas puntuais como as que estes dous protagonistas realizan, sendo capaces de mobilizar a seus alumnos e amigos para que busquen cancioneiro en todas as xeografías de Galiza. E isto é normalizar país; recuperar nosos propios acentos musicais, tan esquecidos como mal practicados e comprendidos por determinadas xeracións.
 
Mero e Mini son dous investigadores dos nosos sons e tons, do concreto da nosa música que sempre tivo unha funcionalidade emancipadora e comunal. Pero tamén esa investigación vai en paralelo coa descuberta de instrumentos musicais. Ese traballo silencioso que estes dous mecenas da nosa música están achegando dunha maneira transcendente e tantas veces sen recursos económicos e que forma parte dese incalculábel patrimonio musical galego tan individualizado nos seus estudos.


Polo tanto, Mini e Mero, co seu grupo A Quenlla, son unha grata referencia no que toca á composición musical e a seu compromiso co pobo. Nesta dirección, temos que connotar algo tan relevante como é a canción de combate ou de protesta. A canción emancipadora que se manifesta cando cantan á Galiza do traballo e da marxinación. Aí están as referencias do noso pobo. Por tanto, Mero e Mini son dous restituidores da memoria e de pór luz e xustiza social contra agravios e explotacións. Un Pedrón de Ouro esclarecidamente ben merecido.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras