logoGrupoCorreoCabalos do demo - 04.01.2011

 

XOSÉ LOIS GARCÍA

Chéganos unha excelente estrea narrativa para encetar o ano literario de 2011, que aparece nas librarías galegas co título: Cabalos do demo e outros invertebrados, da autoría do escritor lugués Isidro Novo, e publicada pola Editorial Trifolium (Litterae). Este libro responde a cinco narracións breves que o propio autor en Unhas palabras breves, nos orienta sobre a proxección e a traxectoria creativa de cada un destes relatos. Tanto a variedade como o tempo narrado, conforman unha sensibilidade notábel en todo o conxunto dun libro denso e nada precario que nos vén dun autor que se estreou en 1994. A partir desta data vemos un Isidro Novo crecente e ordenado na paixón de facer país a través da literatura e, tamén, adquirindo un compromiso diario e vital con outras actividades en pro da cultura, da lingua e da literatura galega.

Na primeira narración, titulada: Cabalos do demo, que lle dá nome a este libro, o lector detectará un enorme e dimensional narrador que é capaz de meternos de cheo nunha historia explicada e, tamén complicada, porque quen a conta non é o narrador senón un deses contadores de historias que existían no rural galego, neste caso na taberna do Pallote, na Ponte Landrove, onde era habitual encontrar a Xaquín de Xanás, que conta a historia do que lle acontecera con Xan de Bravos, coñecido como o Pinchorro, que na súa morte botaba cabaliños do demo pola boca, o poder de María a bruxa, o lobicán etc., conxugan o elenco desa historia. Nesta narración, a máis longa das cinco, nada lineal e carente de falsos refuxios que poñan en desorde o tempo narrativo co tempo real, puxo a proba o poder de inventiva que nos mostra Isidro Novo, en non forzar a trama narrativa nin alterar as fases espaciais en que cada interlocutor procesa o seu discurso. Non é fácil, neste tipo de narracións, equilibrar dunha maneira contundente esas descricións tan puntuais e con tanta luminosidade que moitas veces non nos vén dos persoeiros senón das cousas que os rodean, dunha maneira sutil e cunha mensaxe de transparencia esclarecida.

No que respecta a esta primeira narración, non é fácil delimitar o papel que representa ao narrador e ao persoeiro que conta a historia de Xan de Bravos e da bruxa María, como é Xaquín de Xanás. Neste caso, Isidro Novo opta por unha serie de fórmulas transixentes, nun discurso en zigzag que evita cruzarse coa liña directa que utiliza o persoeiro que conta a historia. E mentres o narrador se detén nos acontecementos e na sensación que estes producen, unhas veces con descricións que fornecen o corpus da narración e noutras recorrendo ás minuciosidades descritivas que desvelan un estilo moi persoal e manifesta orixinalidade no relato.

A segunda narración, titulada: O lobo daquela Caparuchiña introdúcenos nunha especie de conto breve que tendo unha connotación popular, polo que respecta ao lobo e a Caparuchiña recollida por Charles Perrault en 1697 e cunha versión que os irmáns Grimm universalizaron en 1812, Isidro Novo retoma esta temática e invértea nun singular formato no que se poden recrear nenos e adultos. Toda unha dinámica estrutural e argumental que ben podemos encadrala no que respecta ao microrrelato, pola súa brevidade que, tamén, podemos definilo como microconto.

Así chegamos ao final con outro microrrelato de connotacións sociais, onde se conta unha convulsión social caracterizada na loita de clases, e sen querer ser un argumento tipificado no realismo social, descóbrenos as eivas dun sistema corrupto que produce un asasinato popular, como en Fuenteovejuna, na persoa do señor fiscal dunha vila calquera de Galiza. Un home práctico en inxustizas, lercho e desafiante que con ninguén falaba, resultou apuñalado polos feirantes nun día de choiva e de feira.
O artigo publicado no galiciahoxe.com xornal, 04.01.2011

De rebeldías, Soños e irmandades
De rebeldías, Soños e irmandades

Libro Coloquio-Homenaxe
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofoniax200
Polas diversas xeografías da Lusofonía