Rosto incompleto

    Rosto incompleto     PANTOCRATOR FRACTURADO DE PESQUEIRAS

REX el Imperator da absolución e da cicatriz.
Señor universal e Príncipe do nordés
que ollas para os castaños metalizados
en souto impreciso.
A Orbis a teus pés, en esfera dividida.
Imaxen matinal en cerco ampliado pola fe,
mutación de coores e de estopas
ardendo no ponto de transición e desencontro
Transición de espacios tumulares
posuíndose na limitación da esfera.
Magnitude total
de dedos omnipresentes no musgo e na luz.
Altísimo Señor, oculto no diagrama
no tempo e na mente:
ficas erecto agardando a oración
mais un abismo, fracturado, distánciate
das tímidas olladas que irradían pureza.
O lóstrego produciu fenda e fisura:
dualismo laminado sen dureza de fragua
no dogma imaxinado en pedra entregada,
do tanxíbel beizo que se aproxima,
á fraqueza dos corpos que imploran enerxía.
Magnificat Dei no elemental das línguas,
transfiguración do espírito na cimeira,
mentras o Señor do alén dixo ao cortexo:
pensade no breviario e no advento das choivas
para que rebenten novos cereais espigados
que consoien a maldición dos indixentes.
Ti eres arxila miniada para as témporas,
para proclamar a perfección na fontenla
onde a auga constrúe un Home-Deus: luminoso,
térmico, descriptivo, invariante e irónico,
de altísima memoria e de forza solar repetida
sen o Ego Sum do exceso apocalíptico.
Será un Deus de amor aproximado ao líquido
que abre sinais para as almas perdidas;
furtadas polas tebras do delirio.
Corpos tendidos no profundis esclamaveat
da esfinxe autodestruida na pasaxe do risco
cando os fillos do cántico e da metáfora
construían a nova teoría do arrepentimento
e así ficaron conmocionados polo pesadelo.
As espadas, vencidas no principio do verbo
para continuar sen o trazo do sinal inerte.
Os deuses, en moldura humana, autodestrúense
no plenilunio das augas que sonorizan o enigma.
Home-Deus na incoherencia do absoluto
autodestrúense verticais na lava do musgo
con ardor aproximado o muro.
              ______________
EU OLLEI COMO DURMÍAS NO TEU BERCE
IMAXINEITE morando no centro da terra
incendiando o habitáculo coas túas palabras.
Nesa mortaxa, mai, non te ollei morta.
Non consinto que a morte separe de ti
esa terra interior
de sempre frescura e profunda sabedoría
para sustentarme co delirio da túa vida.
Eu ollei como durmías no teu berce, mai:
leda, fulgorosa e con vestes de viaxeira;
con rosto inocente de nena adulta.
Non estabas morta, só soñabas
con outro perfume para o meu corazón...
As túas maos repousaban en segredo
e pensei que tiña roto outro vidro,
que tiña trillado as calzas de pana,
que tiña perseguido e zurrado á Turca.
Pensei fuxir, chorar e pedir consoio
mais as túas maos, mai,
eran parte do meu tempo irreflexivo.
Eu nunca sentira garzas centilantes
murmuriar nos teus beizos
con todo o fulgor que promete a vida.
Loitei contra o pranto que me envolvía
e pensei nas túas verbas, mai:
<<esta é a Terra que non amortaxa á vida>>.
A morte sempre foi comprendida nesta Matria
eu falaba e ti escoitábasme muda
e pronto me sentín adulto
que xa tiña a túa licencia para andar de noite,
contar estrelas
e escoitar o piar fúnebre dos mouchos.
Pensei que en todo o teu silencio
precisabas trocar de morada;
ter un apousento en terra traballada,
coñecer a fertilidade das cinzas
confraternizar con áureas vidas silentes
para decirlles aos deuses etéreos:
veño aprendervos a cantiga de amor
que adormecía ao meu neniño.
Aínda estou sentindo, mai, a túa voz solermiña:
<<Durme meu condenación; soña cos xílgaros.
                   ______________
Titulo: ROSTO INCOMPLETO
Autor: Xosé Lois García
Data de Edición: 1996
Edita: EDICIÓNS ESPIRAL MAIOR S.L