Falo de Baco

Falo en tráxica aventura
 
Falo en tráxica aventura
desdecindo distancias
dunha inquedante luz carnal
concretando as sementes da vide
no inzar da seiva nas cepas
cas labaradas da terra.
 
Falo de Baco transitando gume
tremendo fulgor horizontal,
aberto como altivo neboeiro,
poseéndose en primitiva aurora.
Falo de Baco entre o Avia
debecendo tépedo mosto;
falo no río desmedido en frescura.
 
_______________
 
Cando o Miño amou seu paso lento
 
Amáronse na carne coa profecía do viño,
perfilouse lento eco
que aloumiñou o falo e máis a fala.
 
Era un miragre da carne
cando o Miño amou seu poso lento
desdobrándose en tremente desoída.
 
Razamonde, suspenso en sarmentos;
Ventosela, espreitando o clima
que deixou Baco con erecto falo
nas viravoltas do Coto de Frade
e o éxtase no espello dos ríos
penetrando na fala do Avia e do Miño,
suspendidos e xerminados corríanse.
 
Baco, adormecido cramada
polos barqueiros de Francelos
e as augas tremían e avanzaban
entre os abrentes dos amieiros.
 
Escorrentadas barcas espreitaron
o largacío Ribeiro
por onde o Arnoia desacouga
por onde o Arnoia leva o pranto
da sefhardita de Allariz e Ribadavia.
___________
Titulo: FALO DE BACO
Autor: Xosé Lois García
Data de Edición: 1998
Edita: Frouseira