Kalendas

20 de marzo de 2003

Se algunha vez atopádesme cun neno solitario
é porque perdín o caxato que me deu un sabio
cando a miña cabaza ficaba sen augas mestas.
Miña peregrinase busca un templo de silencio,
mais corrixirei esas retortas de camiños,
inventando un círculo nun espacio inocente
sen ter que incomodar o suor da miña fronte.
Os nemos pouco entenden da oscilación solar,
mais son galácticos e plebeos,
no pensan destruírse verticalmente.
Non pensan en quen preside a confraría,
nin en banalidades e menos en orxías.
Non pensan en dasafíos nin en salvaxes eventos,
só acreditan que o mundo é un briquedo.
Eu penso que o mundo é un brinquedo azul,
mais Charles Chaplin permitiuse insinualo
para que os sátrapas nos confirmen o balazo.
Así é como xira o mundo no polgar dun novato.
Procuro fervor na inocencia dun neno,
peregrinar sen cabeza e sen caxato florido.

1 de maio de 2003

Nasce rubra da sangue cada aurora,
E o sangue ensopa a terra ainda quente...
É congresso de sangue o que esta gente
Abrriu entre as nações, que o sangue irrota!
ANTERO DE QUENTAL


En Chicago os temores excitaron, proclamaron,
berraron, ordenaron, tiraron dardos, espreitaron,
choutaron, bloquearon, presentiron e venceron...
Aínda en Chicago quéimanse ardores solidarios.
Tempos de denuncia en tódalas loitas proletarias,
como nube que se abre e se espalla sen renuncias
e sempre atina de morada como corcel desbocado.
Unánime voz que concentra e excita
glorioso sangue no puño de nacente constelación.
Unha bala bale menos que oito horas.
O chumbo do desquite corre en luzadas,
sen a velocidade do vento sen medo e sen orde,
cando penetra desenfada corpos traballados.
E Chicago comezou a conquista de radiante sol,
esclarecendo seu brillo certo e poderoso.
Por rúas e campazas a paixón dos irmandiños
apreixa fouces, coitelos, forcadas e martelos.
Así é o 1 de Maio, ensopado de sangue proletario.
Chicago vermello en súa primeira e única flor,
ao mundo apela para conquistar seu esplendor.

Titulo: Kalendas
Autor: Xosé Lois García
Data de Edición: 2005
Edita: Edicións Xerais de Galicia, S.A.