romanico de sober 2008

Sober é unha terra antiga e cargada de historias, na que se compendian varios espacios e unha enorme variedade de elementos artísticos e simbólicos, que nos introducen no que resta daquel románico que floreceu nesta basta terra de valgadas e ribeiras. Os ríos Sil e Cabe festexan, nas súas augas cantareiras, a emoción daqueles moradores que fixeron posíbel unha serie de construccións arquitectónicas que responden ao talante, un tanto singular, do propio medio labrego.

Sober é un punto clave e disterado de iconografía románica que se resiste a desaparecer, en tanto que proclama seu berro en espacios confusos e depredados. Como nos amosa a pía bautismal de Gundivós, que foi vendida, por un párroco, hai moitos anos, a un alfareiro desta parroquia que a ten nun cortello como elemento funcional de usos propios. Isto non é caso único. Podemos enumerar moitos mais a través da xeografía galega.

Nas terras de Sober perpetúanse varios modelos do románico culto e auténtico da nosa ruralidade. Os exemplares que continúan en pé manifestan a degradación a través de varios ciclos temporais, sobre todo o do século XVIII. Da gran desfeita das igrexas románicas de Sober, dan testemuña as pías bautismais e algunha que outra icona, que continúan exhibindo a súa grandeza en solitario.

Todos eses conxuntos e pequenas particularidades do románico de Sober, son eficientes para que o lector de símbolos  perciba a mensaxe que se encerra na súa iconografía de pedra, na que o crente medieval lía. A linguaxe dos símbolos é inesgotábel e flúe por varias e determinadas expresións. Para o home actual  estas pedras amosan o espírito dunha época que se resiste a desaparecer. Nelas está todo un legado doutras expresións culturais do mundo antigo e clásico. Achegarnos a unha simples e estática icona románico equivale a descubrir o sentimento e a sensibilidade de quen nos precedeu. Eles construíron extraordinarias iconas coa intención de coñecer e interpretar o que se oculta no macrocosmos partindo sempre de particularidades do propio entorno.

Nas igrexas románicas de Sober podemos ler en cada unha das súas iconas numerosas mensaxes, tanto do mais aquí como do mais alá. As pedras cargadas de silencio falan para as nosas retinas, de tempos idos; móstrannos os camiños de Deus, do demo e da vida. Estas iconas foron esculpidos cos referentes e contribucións de pensadores, místicos, escolásticos, biblistas, filósofos, naturalistas, alquimistas etc. Velaquí a grandeza da simboloxía románica, sempre auspiciada por múltiples ideas que consolidaron símbolos e mensaxes, como os que se expresan nestas igrexas románicas que Sober.

O meu primeiro encontro co románico de Sober foi a iniciativa de Manuel María e Saleta. O segundo, o realicei con D. Anxo Vega, párroco de Eiré. O terceiro e definitivo que me levou a inventariar e interpretar está simbólica, foi con Alfonso Campos e Luís F. Guitián. A todos eles o meu agradecemento.

As citas bíblicas que contén este libro proceden da versión galega da Biblia da Editorial SEPT.

                                              XLG

Merlán, 16 de agosto de 2002.



SIMBOLOXÍA DO ROMÂNICO DE SOBER (2008)