Xosé Lois García indaga no románico de Sober

xornal

O escritor e investigador galego publica un libro sobre o valor artístico e simbólico dos templos deste período nunha parte da Ribeira Sacra

xl_ghOs valores artísticos e simbólicos das igrexas do concello de Sober son os protagonistas da obra Simboloxía do románico de Sober, de Xosé Lois García, sinatura habitual nas páxinas de GALICIA HOXE. O autor presentou onte o libro na Galería Sargadelos de Monforte de Lemos.

Na obra, Xosé Lois García analiza o valor artístico dos elementos escultóricos e arquitectónicos dos templos da Ribeira Sacra, descifrando as representacións e mensaxes gravadas na pedra. O seu estudo céntrase nas igrexas parroquiais de Amandi, Anllo, Bolmente, Canaval, Lobios, Pinol e Proendos, a maioría delas orixinariamente románicas pero que tamén teñen elementos doutras épocas e estilos.

Un exemplo é a Igrexa de San Pedro de Canaval, erixida no século XII pero modificada catrocentos anos despois, quedando como únicas mostras románicas a fronte e a pía bautismal. No outro extremo sitúase o templo de San Xián de Lobios, datada no século XIII e que mantén un maior número de elementos do seu estilo orixinal.

Ademais da descrición dos templos e dos seus elementos decorativos, o autor descifra as mensaxes esculpidas en pías bautismais, capiteis, pinturas murais ou rosetóns a partir de elementos tan importantes na simboloxía cristiá, como os números ou momentos claves na vida dos crentes, como o bautismo.

Xosé Lois García é un prolífico escritor, que non dubida en saltar da prosa ao verso, da literatura infantil ao ensaio, do galego ao catalán ou mesmo ao portugués. Máis de 50 obras, así como numerosísimas colaboracións en xornais, dan boa mostra do amplo abano de intereses deste autor chantadino.

A súa paixón pola arte, en concreto polo románico, evidénciase en toda a súa obra, onde destacan tres estudos sobre a iconografía deste estilo artístico: un centrado en Amarante (Portugal), outro no concello de Pantón e este último no de Sober. 10.01.2009