Pórticos do gozo (Poemas a Pantón)

porticos do gozo 2009PROLOGO

Ten Xosé Lois García un xeito ou maneira de facer as cousas poéticas ben ascensional. E iso malia o seu vencellamento ás causas terreas, das que ven sendo paladín entregado, co seu aquel de Quixote de Chantada ou Sancho de Barcelona, sen esquecer -naturalmente- que o segundo andivo a quixotizarse e o segundo acabou sanchificado. Todo o mesmo, pois. Igual que a poética de Xosé Lois García, caudalosa como vóo de aguía, investigadora como río denso, pelexona ou loitadora atal aqueles “destroyers” que revolucionaran o mundo do puxilato (no da poesía Xosé Lois é boxeador maior aínda que non dea pasado -un supoñer- da categoría “welter”).

Quero dicir que Xosé Lois García é un todoterreo da poesía na que exerce de antólogo, traductor, crítico e moitas máis cousas que sei deste home, e outras que sen dúbida descoñezo, pero pairando riba de todas elas está o seu oficio de poeta actuante e verificado (e verificable) que escribe de ríos e viños e amores e igrexas e deuses. Tamén dos homes e as mulleres que van edificando as patrias e con eles como pretexto, e texto e contexto Xosé Lois García quen da artellado dietarios poéticos monumentais como a vida mesma, por máis que o debuxo desta sexa mínimo. Así o senso espido da arquitectura relixiosa que Xosé Lois admira e que se vai deixando ver no libro que o lector ten -desta volta- diante súa. E que xa no título, Pantón, anda a dicir moito senón todo. E é que poucos topónimos como estes para reflectir espantos, e por suposto que emprego esta palabra no xeito portugués ou no do castelán antigo, isto é para expresar admiracións diante da beleza pequena, ao cabo a máis esplendente. Esa que sabe apañar Xosé Lois García nun libro que aínda podería ter sombras místicas -de seu alongadas- se non fose porque este poeta abarca (mesmo poderíamos dicir abalroa pois nel abonda un sentimento fluvial con chalanas á deriva) un espectro decididamente humano. De tripar os vieiros terreais, digamos, co que o alén fica -de momento- na outra beira, e nunca mellor dito.E puro asunto terreo semella o libro porticos do gozo 2018que nos ocupa, reivindicativo do espazo vital máis caro a Xosé Lois García, o seu “omphalos” como de poema de Seamus Heaney, aquel no que a bomba que tira a auga do pozo resoa co son da palabra grega que vale -xustamente- para embigo. Así este mangado de poemas de Xosé Lois García, umbilicais como a arte que este artífice proclama, ourive da palabra que se artella en percorridos breves ou longos segundo os camiños do alento que cando fálico, e como é a súa obriga, sementa e magnifica. A última aventura poética de Xosé Lois García é un exceso telúrico, unha gloria terreal que anda, corre e aínda voa nun proceso e progreso ascensional que nos fai sentir mellor nos arrabaldos ou arredores do gozo. Un gozo que ultrapasamos polo pórtico disposto deste poeta como de toda a vida que é Sancho en Barcelona ou Quixote en Chantada ou ao revés como no fermoso título de Alberto Calligaris, Il volo delle anatre a rovescio. Calligaris, outro que tal baila. Atal Xosé Lois García, bailador de todas as distancias, poeta sentimental e práctico co que temos subido ás alturas do Faro de Xoán de Requeixo e bebido o viño de todas as victorias cun sentimento amical e efectivo que me leva pola súa poesía como unha lebre en acougo mais -cando é mester- de certo que alebrestada, de puro cambiar o ritmo de atención e marcha. Eis os pórticos do gozo, non sei.


VICENTE ARAGUAS

Neda, Nadal de 2006

Pórticos do gozo (Poemas a Pantón)
Xénero: Poesía (Poemario)
Publicación: xuño de 2018
Observacións: 3ª edición Concello de Pantón. 1ª edición 2008,
Editorial Toxosoutos.

Titulo: Pórticos do gozo
Autor: Xosé Lois García
Data de Edición: 2008
Edita: Editorial Toxosoutos