Coa etnógrafa Virtudes Feliu. - Martes 22 de Marzo de 2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Poucas tardes foron coma aquela que pasei ao lado da Dra. Virtudes Feliu Herrera, escoitando con pracer as súas investigacións que se orientan cara a moitos espazos e que concretan perfís moi diversos. Virtudes Feliu naceu en 1941 no Oriente de Cuba, en Mayarí -cidade evocada na canción sonera: "Me voy para Mayarí"_, de orixe catalá, e fala a lingua dos seus proxenitores. Virtudes Feliu é moi coñecida como etnóloga, musicóloga e historiadora. É a investigadora titular do Centro de Investigación y Desarrollo de la Cultura Cubana Juan Marinello do Ministerio de Cultura e xefa do tema: Fiestas Populares. Poucos baleiros lle fican por investigar a Virtudes Feliu no eido das festas populares e nos ámbitos de creación musical cubana. Falamos longamente desas festas populares que nas que a diversidade cultural manifesta en Cuba esa riqueza sen par. Todas esas festas que foron solemnizadas no ámbito relixioso e, tamén, laico. Manifestacións de santoral, de honra e evocación a tantos santos patróns que se celebraban en toda Cuba; tamén a exaltación festiva evocando os orixás africanos. Os carnavais, no territorio escénico e musical de parrandas e charangas. Todo ese universo manifesta a pluralidade emerxente de conceptos e vicisitudes dunha cultura festiva que se foi conformando con achegas doutras culturas foráneas. Todo un inventario deses ambientes festivos que fascinan a quen neles se interna. En todo isto está a percepción dunha excelente investigadora como é Virtudes Feliu. Froito de tantas pescudas, publicou Fiestas y tradiciones cubanas, un libro puntual e de desvelos que nos confirma esa virtuosísima claridade con que a autora verifica cada un dos elementos por ela expostos.

Nesa tarde de conversa clamorosa tiven outra percepción do fenómeno étnico tan operativo e tan dinámico que se opera en Cuba. Virtudes Feliu -esa enorme especialista das festas e dos folclores cubanos- mergúllouse noutros eidos, estudando e comparando as orixes do que ten acontecido en Cuba. Por iso estivo en California, México e Venezuela procurando afinidades e connotacións. Procurando as orixes; procurando o fulgor da música cubana noutros hemisferios; noutros territorios que se comunican e que cada un deles ten a súa propia idiosincrasia.

Os seus recursos de investigación teñen diversos camiños e referentes. En 1985, na Revista de la Biblioteca Nacional José Martí, publica unha investigación sobre o clérigo catalán Juan París, que desde 1805 a 1845 dirixiu a capela de música da catedral de Santiago de Cuba. Este enorme creador, tan descoñecido como silenciado, foi estudado por Virtudes Feliu e rehabilitado ao posto no que merecía estar. Virtudes Feliu desvelou deste presbítero e mestre de capela mais de 80 composicións. Un traballo de investigación enorme que suscita, máis que curiosidade, regresar a un período en que se estaba inzando a conciencia nacional cubana pre independencia.

En 1989, a Dra. Feliu publica na revista de Estudios Etnológicos da Academia de Ciencias de Cuba unha investigación, titulada: La fiesta de San Juan de Camagüey. Aquí volve revelar todo un catálogo de propiedades sobre esta festa, que ten as súas orixes na colonización española e con notabeis diferencias do que se vai espallando por diversos territorios de Cuba. Os referentes e as claves que nos dá Virtudes Feliu, sobre a festa de San Xoán, están connotadas nesas peculiaridades como son 'Engaños de San Juan, que en Galicia aínda están vixentes na zona rural e que sen dúbida foron recreadas na parte oriental de Cuba. Tamén, esa particularidade como son 'Las fogatas de San Juan', que non deixan de ser unha emisión das fogueiras que se celebran no equinoccio de verán, nese amplo mosaico da cultura mediterránea. Vemos como ese difusionismo ten como receptor a Cuba e que se manifesta de tantas variantes. Revela Virtudes Feliu outras afiliacións desta festa de San Xoán, a danza dos namorados, que saltan por enriba das lapas e pisan nas brasas, ao estilo de varios pobos de Castela. Etnoloxía e musicoloxía son dous universos fascinantes que a Dra. Feliu nos desvela.