Karol Wojtyla.- Martes 5 de abril de 2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Desaparece da escena relixiosa e política un dos mecenas máis notorios e enigmáticos do proceso histórico que se produciu a finais do século XX, como foi Xoán Paulo II. O Papa Wojtyla, que durante o seu pontificado adoptou o nome do Papa Roncalli (Xoán XXIII) e do Papa Montini (Paulo VI). Con esta adopción, en 1978, todos percibiamos que o seu reinado ía ser de continuidade ecuménica e aperturista, e que viría a pór en práctica a Pacem in terris de Xoán XXIII ou a Humanae Vitae de Paulo VI. Estas encíclicas que tiveron un marco inicial sobre o perfil daquelas décadas tenebrosas que lle tocou vivir ao mundo ficaron aparcadas por un novo modelo de pastoral que estaba moi lonxe da realidade.

A Igrexa católica cambiaba esa longa tradición do papado de orixe italiano por un Papa eslavo. Wojtyla, entendeu a universalidade da Igrexa desde a súa perspectiva polaca. El chegou ao Vaticano cunhas ideas preconcibidas desde esa Polonia católica e cun estilo de militancia moi determinado contra o poder stalinista. Ese estilo de militancia católica fraguou a personalidade de Xoán Paulo II. O seu egocentrismo místico e escolástico que el exteriorizou débese ao que fora cardeal primado de Polonia, Stefan Wyszynski, o seu mentor e protector que foi o que máis apelos de favor conquistou para que Wojtyla fora elixido Papa. Wyszynski foi o cardeal que proxectou e preservou unhas estruturas intactas para loitar contra un sistema totalitario que non soubo comprender a tradición e a acción da Igrexa polaca nos diversos procesos históricos do seu país. Wyszynski comezou a minar o réxime comunista con aquelas pastorais de Pro Vida e contra o aborto que tivo un seguimento en todo o pobo católico polaco. Neste caso, tivo en Wojtyla un acérrimo defensor e proxector, desde Cracovia. Tanto Wyszynski como Wojtyla non reservaron críticas contra a Ostpolitik que Paulo VI mantiña cara ó bloque comunista. Cunha percepción moi idealizada, tamén dun catolicismo estático por dentro e cun fluído dinamismo cara a fóra foi como Wojtyla comezou o seu papado belixerante en todos os terreos. Unha belixerancia tan extrema que o levou a vulnerar os principios máis progresistas que trouxera o Concilio Vaticano II. No seu primeiro decenio de pontificado pregouse nun conservadorismo sen precedentes. Os sínodos que convocou, moitos deles estaban orientados a desfacer os avances do Vaticano II. A contrarreforma de Xoán Paulo II, a nivel de curia e, sobre todo, de cambio de xerarquía foi evidente. Tan evidente que poñamos como referencia o cambio precipitado dun bispo progresista como era Miguel Anxo Araúxo Iglesias, en Mondoñedo, por outro anacrónico e trasmontano como é José Egea. Este exemplo repercutiu en centos de dioceses.

Xoán Paulo II foi a grande icona do catolicismo que el forxou con teatralidade e con esa visión de márketing que soubo introducir a súa imaxe nos grandes escenarios públicos e multitudinarios dos medios televisivos. A súa orientación doutrinaria estivo marcada por varias expectativas do Opus Dei. Talvez, ese exceso de misticismo o privou de ver e concretar realidades tan pragmáticas e existenciais que os seus antecesores, Xoán XXIII e Paulo VI puxeron énfase en materias tan delicadas como é a fame e as condicións de vida no terceiro mundo. Os firmes alegatos contra o preservativo para frear a sida, antepóñense coa prédica da castidade. En moitas das veces dános a sensación de que ante os grandes desafíos que ten a humanidade globalizada, a Igrexa do Papa Wojtyla foi estática e persuadida polo seu pensamento autoritario. Digamos que Xoán Paulo II foi un papa reaccionario, esta é a sensación que temos moitos cando o vimos darlles a comuñón a dous xenocidas como foron os xenerais Pinochet e Videla. Ou moi pouco tolerante, como mostrou co clérigo e poeta, Ernesto Cardenal, cando o Papa sacudiu o seu índice sobre a fronte deste ministro de cultura sandinista. Ese partidismo acérrimo déixase ver neses centos de canonizados que foron vítimas da guerra civil española, da parte franquista. Houbo cregos e xerarquías como a do cardeal de Tarragona, Vidal e Varrequer que non foron repostos como vítimas do franquismo polo Papa Wojtyla. Con 26 anos de reinado non podemos ignorar o seu carisma persoal e tampouco as súas contradicións oficiosas.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras