O voto das contundencias. - Martes 28 junio 2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Salomónico e contundente o voto dos emigrantes que nestas eleccións decide. O voto que decidiu en Galicia, historicamente, non deixa de ser unha vergoña.

Os poderes fácticos foron os donos dun voto cativo en Galicia, desde a Constitución de Cádiz ata a Revolución Setembrina (1868). Coa chegada da I República ata a fin da II, o caciquismo fixo a súa mais implacábel absorción do voto, por medio dun sen fin de turbulencias legalmente artelladas. O voto dos emigrantes non deixa de sumarse a estas anormalidades. ¿Que emigrantes son os que suman tempestades? Aqueles que sen selo, os fillos de emigrantes, que nunca estiveron en Galicia, co mero feito de levar un DNI ou un pasaporte español poden votar e decidir sobre unha realidade que ignoran. Naturalmente, séntense arxentinos, uruguaios, cubanos, mexicanos, etc., por que alí naceron. A mesma ignorancia seguen tendo da Galicia actual aqueles emigrantes que levan fóra do país máis de corenta ou cincuenta anos, que só falan de augas levadas e nada do que en realidade é hoxe Galicia. A nosa emigración en Ámerica está desintegrada da realidade e das problemáticas do país, comezando pola gran maioría que xa non fala galego. Recoñecemos que esa emigración, en tempos difíciles, achegou moito a Galicia. A ela debemos moitos esforzos e moitos símbolos e, tamén, moitas liberdades.

Tanto a Constitución española como o Estatuto de Galicia, definen como españois e galegos todos os nacidos nos seus territorios e fillos de galegos ou españois. Polo tanto, Fidel Castro e Raúl Alfonsín poden votar. Ata aquí todo ben. Mais o problema xorde cando estes españois ou galegos circunstanciais, votan por un partido determinado porque lles proporciona privilexios e incluso beneficios de toda índole, valéndose desta prerrogativa. A culpa non a teñan eles senón os que redactaron o CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes). ¿Que tipo de residentes ausentes son os fillos de emigrantes con nacionalidade do país en que naceron e que endexamais lle viron o rostro a Galicia? Dada esta circunstancia actual o voto maioritariamente da Galicia real está atado ao dun minúsculo puñado de votos da Galicia da diáspora. Isto é sarcástico. O problema non é deles, o problema é dos lexisladores que redactaron hipocritamente o CERA. Sería máis correcto que aqueles galegos que pasaron toda a vida noutros países e que se integraron neles teñan dereito a voto sempre e cando estean censados e residindo en Galicia, dentro dun período determinado. Incluso os fillos e netos de galegos poden gozar de certas prerrogativas para poder votar cando vivan en Galicia. Neste sentido, non estamos polo recorte de liberdades dos emigrantes, só por normalizar o seu voto con realismo.
En todo isto está a picaresca das prebendas que en certas entidades galegas, como algúns Centros Galegos ou Casas de Galicia, son constantemente operativas en favor de orientar o voto cara ó Partido Popular, dos que todos temos constancia de que é o que máis se lucra do voto emigrante. Un exemplo importante: no Centro Galego da Habana, Antonio Cougil Fernández, na súa tarxeta de visita reza: "Presidente Federación de Sociedades Gallegas de Cuba Coord. Ofic. Administradora Xunta de Galicia en La Habana". Este celanovés que xa non fala galego e leva máis de cincuenta anos en Cuba fai un labor moi útil para o Partido Popular, encher de adhesivos de Manuel Fraga tódolos recantos do Centro Galego. El mesmo me contaba que si vivira trescentos anos lle votaría a D. Manuel, polo millón de euros que este envía ás sociedades galegas en Cuba. O bandullo de Cougil non deixa de estar agradecido, pero estes favores hai que eliminalos e protexer os emigrantes doutra maneira.

Creo que uns están serenos e outros rabiosamente coléricos. Hai quen apela a unha desfeita porque Satanás utiliza a Chavez. Quen posiblemente quede sen escano é Rosa Oubiña, pese a ofrendarlle unha candea á Virxe de Valvanera. Eu sei quen lle vai ofrecer a esta Virxe unhas pingas de bo albariño se Oubiña perde. Rosa Oubiña terá a consolación de continuar rezando para que a Virxe de Valvanera a recompense cun escano no ceo.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras