BNG, estruturarse para non restar. - Martes 26.07.2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García
O BNG é unha forza coa que hai que contar hoxe en Galicia en todos os niveis de decisión política, isto é incuestionábel.

O BNG é unha forza política que ten un carácter estritamente galego, non vencellada a outros dominios de decisión senón que todo o seu caudal de ideas provén de persoas galegas que teñen como meta esa vella aspiración: a redención de Galicia. Por tanto, traballar nun contexto reducido e reductíbel a outras forzas ten os seus riscos. O BNG mostrou en tantísimas ocasións ser unha forza política adulta, con debate aberto e concertado coa sociedade galega. Puntual en reivindicacións populares e contestatario en todo aquilo que agride a Galicia. O BNG creou unha conciencia sobre o estado da nosa nación, ninguén lle pode negar isto. Mais incorreu nalgunhas fisuras internas polas que pasa actualmente e isto non o pode permitir nun campo tan pechado e nutrido polo PP. A esta forza nacionalista cómprelle dinamizar as súas estruturas para que sexan capaces de sumar e non restar. Nestas últimas eleccións restou. É verdade que todos os partidos políticos teñen conflitos internos, e isto ata certo punto é bo, mais para que os conflitos non se agranden hai que calcular os tempos e os espazos e, tristemente. o BNG non soubo percibir ese cálculo. As discrepancias entre líderes e tendencias tiveron bastante que ver nese restado electoral. Unha forza política das características do BNG non debe estar dispoñíbel para pór atrancos no seu propio camiño.
O BNG perdeu catro escanos e isto tiña que levalo a facer un debate urxente sobre as causas dese descenso e a modificar certas políticas cómplices do ter que restar e non sumar. Ampararse en que sendo perdedor se torna en gañador, porque entra no goberno, pode a medio prazo complicar a súa situación, o mesmo que non admitir as adversidades e querer aprazar un debate, que pode e debe ser xeneroso para superar discrepancias. Vimos que Anxo Quintana fixo unha boa campaña, que transcendeu in situ sobre a problemática galega e que houbo un debate valente e decisivo, nada habitual nos políticos galegos. Mais Quintana é un líder que se está facendo e realizando e non se debe deixar na estacada. Gobernar Galicia non é como gobernar Allariz e substituír un peso pesado como é Beiras non é nada fácil.


Coidamos que o que debilita o BNG é non transformarse en partido político (PNG) marcar unha liña de actuación capaz de superar esas capeliñas e tendencias que en vez de converxer o que fan é desintegrar unha instancia política que debe aglutinar esperanza e credibilidade. Os confrontos entre esas tendencias que foron destacados en letras de molde na prensa galega non favorece a tendencia a prol dun nacionalismo aberto, democrático e pluralista. O nacionalismo é necesario en Galicia e isto é bastante revelador polo traballo que se ten feito.


É verdade que hai unha tendencia na opinión pública galega inxenua ou mal intencionada que considera que a UPG é a culpable de todos os infortunios que lle veñen pasando ao BNG. Pois ben, grazas á UPG, cando o galeguismo estaba liquidado pola represión franquista, un fato de persoas como Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Méndez Ferrín etc., ergueron a bandeira baixo un ideario político en favor do noso idioma e dunha serie de loitas moi concretas. Foi a UPG, a partir dos anos 60, a que abandeirou o legado histórico da nosa nación. E grazas a esta organización política os demais partidos, para non perder o tren, escribiron os seus panfletos en galego e comezaron a falar en galego. A UPG foi unha organización que consolidou moitas cousas do noso país e os seus dirixentes foron encadeados e desterrados, este é o caso de Paco Rodríguez. Moncho Reboiras foi asasinado polo franquismo, ¿quérense máis credenciais para ter credibilidade no papel histórico que desempeñou a UPG? Esta instancia política é un grupo importante dentro do BNG, mais é verdade que houbo erros e que hai discrepancias e é por iso que se fai necesario un criterio que unifique mais que disperse, converterse en partido para superar certas contradicións que se dan no Bloque que agora vai a entrar nun novo rol: gobernar.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras