Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués - 4.10.2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

A pasada semana, na Galería Sargadelos de Barcelona, presentouse a Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués da man dos seu iniciadores e mecenas deste enorme proxecto, Santiago Veloso e Xabier Prado.

Dous entusiastas en promover o noso patrimonio oral co fin de poñerlle barreiras a tanta depredación que o ameaza. Viñeron e convenceron ante un público galego que se integrou facilmente neste proxecto de salvar a memoria histórica.

Esta iniciativa é ben coñecida en Galicia e deu os seus primeiros pasos partindo dunha experiencia escolar radiofónica dunha radio escolar do Baixo Miño, ‘Ponte nas ondas’, onde os nenos son os protagonistas radiofónicos que foron agrandando o espazo ata boa parte do territorio portugués do Minho e Tras-os-Montes. Esta proposta chegou á Unesco para que esta organización das Nacións Unidas declare patrimonio universal a todas esas manifestacións culturais, literarias, folclóricas, etc., que transcenden no frontal Atlántico do que a antiga Gallaecia romana e, mesmo, onde floreceu a primeira nacionalidade da península Ibérica, como foi o reino suevo, cuxos alicerces dinamizaron unha cultura e unha lingua da cal somos subsidiarios e, tamén, responsables en dinamizala, normalizala e protexela. Sen dúbida, os atributos do noso pasado son os puntais máis poderosos para que o futuro da nosa nación sexa inquebrantábel. Calquera futuro faise co presente e co poderoso vencello do pasado.

Xabier Prado explicou, con fresca transparencia, os cinco parámetros en que se basea esa candidatura e os indicativos desa tradición oral e súas frecuencias asociadas a tantas actividades que se manifestan na xeografía da antiga Suevia. Esa cultura transcendental que hoxe en día se practica, entre galegos e portugueses, cos mesmos artellos no agro, nas mariñas e nas correntes fluviais. As tradicións agrarias, no máis variado arquetipo de pautas e prácticas culturais, patentizan unha cultura orixinal que con súas variantes e frecuencias veñen singularizar as diferenciacións da nosa nacionalidade coas culturas limítrofes. Procesando a artesanía e os oficios tradicionais do noso contorno rural, onde o ser humano que o habitou transcendeu en crear arte e cultura modificando o seu medio valéndose de tantos artiluxios que nos admiran e conmoven. A tradición festiva, lúdica e lírica do noso amplo contorno codifica non poucas manifestacións como as regueifas, os maios e as romaxes profanas e relixiosas que manteñen vivo ese espírito tan individualizado na nosa idiosincrasia. A literatura de tradición oral que se propiciou ao lado deses labores e deses sentimentos iniciáticos que fecundaron tantas prácticas de elevada personalidade para a nosa comunidade.

Que diremos dos nosos cancioneiros medievais, comúns para galegos e portugueses, que tanto incidiron na nosa literatura e na nosa individualidade como pobo. Velaí a nosa etapa xograresca espallada por outros hemisferios coa contundencia e co rigor dunha enorme e emancipadora lección de creatividade universalista.

O noso patrimonio do presente temos a obriga de izalo con futuro fronte a un mundo globalizado e cun enorme potencial de desnaturalizar e truncar culturas co fin de impor outras manifestacións de lucro, perecedoiras a curto tempo e limitado espazo. Ante esta desfeita temos que ser inflexibles defensores desta proposta ambiciosa en salvagardar o noso patrimonio memorial que nos propoñen estes dous pioneiros que proclamaron este proxecto con tanto entusiasmo. Coido que é un esforzo impagábel e desinteresado que conta co apoio de tantos "bos e xenerosos". Hai días que o Congreso dos Deputados e outras administracións autonómicas apoiaron esta candidatura.

Podía ser que non tivese éxito en París, na Unesco, mais o éxito xa o logrou desde o momento en que nace tan humildemente e vai medrando e enrolando a tantos compromisarios que se converten en salvagardas do noso patrimonio. Por lealdade ao noso pasado as iniciativas de Xabier Prado e Santiago Veloso estiveron arroupadas en Barcelona por Ana Miranda e a delegada da Consellería de Cultura da Xunta en Pontevedra, Marta Souto.

martes, 04 octubre 2005