L'Estatut de Catalunya Martes 11.10.2005
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Parece que só os cataláns son conscientes dos cambios de sociedade que se operan no seu territorio, no Estado español e en Europa. Estes cambios sociais e económicos, sobre todo, obrigan a que se dinamicen institucións e se agranden os seus marcos estatutarios, afectando á Constitución española.

Ese medo e hermetismo mediático non favorece na harmonización e consolidación dun modelo de convivencia sen modificar o que xa foi superado polo propia dinámica social. Para lograr isto hai que desprenderse das tantas manías egocentristas de querer aparcar e defenestrar toda iniciativa que veña de Euscadi, Cataluña e Galicia. Pór atrancos a estas tres nacionalidades é retroceder e ir ao mito do único e do selectivo dos antigos réximes borbónicos e o consabido nacionalismo castelán, disfrazado de España, defendido con tanta vehemencia polo conde duque de Olivares, autor material de tantas frustracións e desencontros que agora padecen as comunidades ibéricas.

Aí está presente o nacionalismo españolista que José Patiño introduciu en Cataluña despois do 11 de setembro de 1714 e que coñecemos como La Nueva Planta, que tivo unha incidencia rotunda en desarticular as institucións nacionais de Cataluña con lume e ferro.

É ben sabido que Cataluña é unha nación, aínda que se dilapide esta realidade con interpretacións semánticas e outros envurullos politicamente mal intencionados. Quen lea a historia de Cataluña –como acostuman facelo os historiadores ingleses– poderá decatarse, pese a tanta insidia centralista, de que Cataluña conserva a súa identidade nacional consubstanciada a unha conciencia nacional. Este feito tan obxectivo non o negan incluso aqueles que teiman na España uniforme, ao dicir que Cataluña é mais europea que o resto do Estado. Esta verdade tan simplificada lévanos tamén á realidade de Cataluña nación.

É normal que Cataluña queira articular a súa vida social e política por medio dun novo Estatut, e plasme o seu feito diferencial e alén disto marque unhas liñas de convivencia. Mal lle vai a unha sociedade que en vinte e cinco anos non modifique conceptos constitucionais e abra outros acordes cos novos procesos que se experimentan nunha sociedade dinámica como é a catalá. Os que teiman en representar aquela España unitaria e inconclusa, parapétanse nas teses inmobilistas do PP e nos postulados de certos pesos pesados do PSOE que non entenden que para unir hai que renunciar a esas paranoias que fan imposíbel practicar unha convivencia entre iguais. É prioritario matizar e ordenar todo un estado de cousas por medio dun diálogo que permita avanzar por enriba de impulsos prepotentes.

Cataluña e o propio Estado español necesitan o Estatut, porque pode ser un referente nas aspiracións dun estado federal ou polo menos avanzar cara a este modelo de estado. A pretensión de Pasqual Maragall, desde que era alcalde de Barcelona e xa como presidente da Generalitat, foi a de encarar a cuestión federal por medio dun Estatut que salientara avanzar por ese camiño. Os atrancos xurdiron de CiU e o PP, con miras a forzar o tripartito a un longo período de discusións do Estatut capaz de crear confusión nos cidadáns de Cataluña. Velaquí como o tripartito caeu na trampa das dúas dereitas, nacionalista e estatalista. Tamén co atranco de persoas do seu partido como Rodríguez Ibarra, con desmedidos insultos a Cataluña que contribuían a colapsar ese mosaico cheo de fisuras e contraccións como é o actual Estado autonómico. A isto hai que engadir os medos de Bono que recomendou, no seu día, fichar a aqueles que escribimos Estado español en vez de España. A liberdade individual e de expresión en sospeita. Por último, é un xeneral o que nos fai saber aos habitantes desta pel de touro que os sabres poden renxer. A esta postura hai o engadido de xornais ben afiliados á dereita mais recalcitrante deste país.

O Estatut é unha necesidade e como tal o sentido común vai imporse. Aínda que non queiran que Cataluña conste como nación, este termo está ben codificado na conciencia dos cataláns.

martes, 11 octubre 2005