Comandanta Ramona (1959-2006) - 24.1.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

O día 6 do corrente mes finou a comandanta Ramona (María Díaz Santís) en San Andrés Sakamch’en de los Pobres (Chiapas). Nesa terra sucada por conquistadores, evanxelizadores, guerreiros, criminosos, xente de ben, viaxeiros folgados e descubridores de pasados destruídos.

Todos eles cronicaron esa terra vermella e húmida que sustenta a sufrida estirpe maia. Mais as testemuñas escritas por Bartolomé de las Casas e por Bernal Díaz del Castillo fan estarrecer a calquera espírito sensíbel.

A comandanta Ramona, dirixente do EZLN (Ejército Zapatista de Liberación Nacional), era unha muller pequena e feble, de coraxe e talento organizativo que lle honra toda a súa proxección e traxectoria nos longos anos de activismo dentro do Exército zapatista. Era pobre e analfabeta como a gran maioría dos desherdados de Chiapas. Pertencía á etnia tzotzil e como outra muller calquera da súa aldea era fiadeira e bordadora que daba sentido á súa vida para permanecer nesas manifestacións milenarias do universo maia que se manifestan neses lucidos e decorados vestidos que tanto personalizan a cultura e a identidade de Chiapas.

Con eses elegantes e coloridos vestidos a xente sinxela acompañou a comandanta Ramona, sen cerimonial e só con rezos na lingua tzotzil, a permanente morada que agora descansa nela. Non foi preciso arengar consignas nin a presenza dun crego. Non tiña cabida outro cerimonial de distinción que desharmonizase coa vida humilde da guerrilleira zapatista. Todos sabían, no seu enterro, que a súa morte era o primeiro combate que perdía despois de doce anos de loita persistente contra o cancro de riles. A comandanta Ramona loitou contra a pobreza: señora da enfermidade que a devorou. Combater contra unha parte dos seus órganos foi para ela a guerra mais adversa que o combate diario contra tantos inimigos que persistiron devorala. Mais ela resistiu e foi capaz de levar dúas loitas en paralelo, a que roía os seus órganos e a da supervivencia da súa comunidade.

A morte da comandanta Ramona incita a tantas persoas, dentro e fóra de Chiapas, a que a crónica continúe o seu roteiro épico e descritivo sobre os pobres solemnizados por dirixentes que apostan pola liberdade e o socialismo. A crónica actual recollerá a ardorosa coraxe dunha persoa do pobo de Chiapas e de múltiples leccións que impresionan a todo o mundo. Nesta dirección apuntou o subcomandante Marcos: "En este caso, es muy triste el hablar, pero lo que les puedo decir es que el mundo perdió una de esas mujeres que hacen falta; México perdió una de esas luchadoras que hacen falta y a nosotros nos arrancaron un pedazo de Corazón".

Mais o que ficará na crónica perpetua das grandes realizacións da comandanta Ramona será a famosa Ley Revolucionaria de las Mujeres que ela aplicou e difundiu por cada unha das comunidades do estado de Chiapas. A comandanta Ramona e a comandanta Esther foron as que mais loitaron contra o analfabetismo e a discriminación feminina. Elas as dúas infundiron por medio do Comité Clandestino Revolucionario Indigena (CCRI) do EZLN, unha loita que ten como finalidade integrar as mulleres, acosadas pola miseria e polo machismo máis vetusto e tradicional, nun espazo libre e protexido por elas mesmas.

Aquel rostro escondido baixo un pasamontañas do cal saía unha voz delicada era a dunha muller con moitas frontes de combate. A revolución non só a fan as metralletas, hai tamén outras estratexias onde as armas non son precisamente as de fogo. A comandanta Ramona comezou por tecer fío e convertelo en máxicos atavíos comunitarios; soubo tecer soños utópicos que agora se concretan en realidades obxectivas.

Polo tanto, detrás daquel pasamontañas estaba a enorme dimensión dunha muller indíxena cunha estrela vermella, o sinal de identidade revolucionario en defensa da súa comunidade en permanente rebeldía contra un poder que aínda esgrime as súas gadoupas neocolonialistas.

martes, 24 enero 2006