Crónicas de Cuba (V) - 21.3.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

O político, narrador e historiador dominicano Juan Bosch (1909-2001) era un namorado de Cuba, del son dous libros de referencia: De Cristóbal Colon a Fidel Castro e Cuba. La isla fascinante.

Nunha das súas visitas a Santiago de Cuba referencia o seguinte: "Fui a El Cobre la primera vez para complacer a una señora de mi afecto que me pedía hacer ‘una obra de caridad’; y consistía tal obra en bautizar a una muchacha de algunos quince años, a la cual llamaba ella Mimí".

Algo parecido pasoume a min con Oilda, Sonia e Fernando Galindo que me levaron a espiar as miñas culpas aos pés da Virgen de la Caridad del Cobre (La Virgencita), cuxo santuario está asentado nun cerro coroado por montañas e no medio dunha ampla veiga que lle ofrenda olorosas flores e áticas palmas en balanzo perpetuo. Un Santuario construído en 1928, obra dun arquitecto italiano que soubo moi ben equilibrar o espazo natural para darlle un perfil austero nesa enorme paisaxe que o ímpeto da Sierra Maestra impón a que todos os artificios que nela se erguen non a degraden.

Dentro do santuario do Cobre as cousas parece que non trocaron desde que Juan Bosch pasou por alá, así o manifesta na súa crónica viaxeira: "Detrás de la sacristía se venden oraciones, cintas de seda medidas al tamaño de la imagen, velas, medallas, rosarios...". La Virgencita atrae os cubanos e mobilízaos, a uns por fe a outros por tradición laica. Baixo o seu apousento os visitantes agrupados e con certa penuria de chegar a ese libreto e deixarlle unha petición escrita para superar atrancos e incidencias que a vida impón.

A Virxe da Caridade do Cobre, padroeira de Cuba, a milagreira Señora, sen vestixios de racismo, que salvou un indio e un negro das buliciosas ondas do mar Caribe, cuxa imaxe aparece sobre unha barca auxiliando os dous náufragos. Esta iconografía está presente en moitas igrexas labregas de Galicia, que trouxeron de Cuba os emigrantes de antano que retornaban de Cuba e a ofrecían a milagreira Virgencita á igrexa da parroquia.

Mais na mesma poboación do Cobre hai outro monumento singular, nun alto cerro dedicado ao cimarrón, esta escultura de Alberto Lescay de grandilocuencia simbólica sobre os negros cimarróns. Aqueles escravos das minas do Cobre ben merecen un monumento por escoller o camiño da liberdade, romper os grillóns e fuxir para facer vida propia e liberta en Sierra Maestra, que eles tamén fixeron heroica fronte ó colonialismo. A gorxa agradeceu como unha bendición tomar auga de coco, que ofrecen os vendedores que gornecen a longa estrada que nos leva a Santiago, en medio desa follaxe pura de árbores exóticas que perfuman territorios paradisíacos con seus doces froitos e con chíos de aves que nos deixan benquerencias de liberdade.

O azar lévanos case por esa mesma ruta que Juan Bochs describe: "De noche, a fin de aprovechar una hora de luna creciente, (...) Iban conmigo dos cubanas santiagueras, una de las cuales, por la piel, los ojos y la figura, parecía haber llegado de tierras nórdicas". Pois naquela noite, con Sonia, Oilda e Galindo, fomos cear non lonxe da espléndida praza de Marte, nunha terraza, onde a lúa crecente facía aloumiños nos nosos rostros xesticulando coas súas teimas celestes. Agardábanos o profesor Carlos Albenis para falar de moitas cousas: frustracións e realidades do mundo actual. Tamén de Cuba e do marxismo. Había anos que non tiña un debate tan elocuente e revelador sobre o marxismo. O marxismo visto e sentido desde outros horizontes e desde o propio centro dun debate sincero e nun territorio sen globalizar que se resiste a selo en moitos dos seus hemisferios. Falar de marxismo en Cuba é moi diferente a falar de marxismo no Estado español. En Cuba non existe esa idea ortodoxa marxista que pretende impor o que un particulariza. Boa senda a dos cubanos cando debaten con ideas marxistas os procesos históricos e os contextos da loita de clases. Toda unha aprendizaxe que corrixe ideas fixas dos chamados marxistas desnortados.

martes, 21 marzo 2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras