Os mártires de 1936 - 22.08.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Non enterran cadáveres, enterran semente". Dixo o noso grande Castelao, referíndose aos mártires da Guerra Civil en Galiza. Sírvannos como referente as estampas dos álbums de guerra do propio Castelao: Atila en Galiza e Galiza mártir, que ilustran puntualmente os crimes fascistas, o pavor e os medos que este pobo tivo que soportar durante anos. A desfeita foi ben patética, os nosos mellores homes de loita e palabra en riste foron asasinados. Alexandre Bóveda, Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño foron dos primeiros da nosa irmandade en ser tombados. O derradeiro día 14 de agosto tributóuselle en Meixide (Palas de Rei) honor e recoñecemento a un deses homes galeguistas como foi Camilo Díaz Baliño. Ese enorme cidadán que rebordou dignidade en favor dunha Galiza maltratada durante séculos. Camilo foi o noso grande cartelista do modernismo galego que puxo a súa arte a disposición de dignificar o noso pobo. Malia os que coidaban que o eliminaran para sempre e que a súa personalidade se esquecera, "os bos e xenerosos" saben lembrar e dignificar a seus mártires. Setenta anos despois foi recoñecida, en coro, a súa extraordinaria xenerosidade e recolleuse boa parte de seu legado de exemplar dignidade. Camilo foi asasinado nunha desas cunetas, onde o terror fascista sementou cadáveres. Nesas cunetas, das que tanto nos falaron Luís Pimentel nos seus versos e Claudio Rodríguez Fer. Mais o sangue de Camilo Díaz Baliño frutificou semente e esta dá os seus froitos de galeguidade e de loita no seu fillo Isaac, nos seus netos e nos seus bisnetos. Non negamos que lembrar os nosos mártires non deixa de ser un acto emancipador que nos proporciona tantos froitos e inmensas harmonías para continuar emancipando o noso país.

Aquela manda de asasinos fixeron todo o posíbel para que no Estado español non houbese memoria e aínda hoxe, os franquistas de novo modelo tentan que a memoria non da froitos e fique todo aquel drama no esquecemento. As horribles cunetas de 1936 sérvennos hoxe como un espazo honroso e de liberdade do que hai setenta anos profanaron os que menosprezan a vida e vitoreaban a morte. É preciso coidar eses lugares como algo noso; como o máis portentoso dunha idea de liberdade e contra a intolerancia. Galiza está chea de cunetas ensanguentadas onde apareceron cadáveres que deron semente na que frutifican ideas de liberdade e insubmisión.

Coido que estamos acordando desa "negra sombra" que nos asombrou durante tantos anos. Sen memoria non teremos nada das nosas raíces e do noso orgullo como galegos e cidadáns dun mundo ceibe. Aquela Guerra Civil amosou o máis terríbel da loita de clases que foi provocada polos poderes fácticos contra un pobo que fuxía das miserias máis extremas. De 1936 a 1939 foron asasinados traballadores e intelectuais, os da conciencia máis pura e leal que dignificaron o noso país.

Despois da guerra veu aquela sinistra represión que a todos nos marcou durante corenta anos. Aínda viven moitos superviventes daquela represión, marcados polo selo sanguinario do franquismo. Toda esa frustración de varias xeracións que aspiraron á liberdade non se pode esquecer e por tanto temos que lembrar nesas cunetas e noutros espazos a dignificación de seus nomes.

Comecei con palabras de Castelao e quero rematar coas palabras doutro grande rianxeiro como foi Rafael Dieste. O 5 de maio de 1937, Dieste escribía na revista Nova Galiza de Barcelona un artigo titulado: "O crime peta nas portas", e do cal fragmentamos: "Altas horas da noite. Os falanxistas e os civiles saen da taberna. Dan voltas Pol-a vila, abesullando a través das reganduxas que deitan luz. Siguen falando pol-o baixo e rematan petando a unha porta. Alí onde petan, petou o crime. (...) O crime señorea. Ten ollos de vidro. Espía, non ve. Persegue rumores no ar noitébrego e bisbiseos delatores, pero non oe nin entende a voz humán". Memorizar os mortos ilustra que a sociedade de hoxe aspira a que a mentira non vulnere a realidade, tantas veces difamada, dos mortos da Guerra Civil.

martes, 22.08.2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras