Medio século sen Bertold Brecht - 05.12.2006
ECOS DA BERENGUELA -xornal

.Xosé Lois García

Noto de menos as diversas expresións escénicas de Bertold Brecht (1898-1956), nesta Barcelona que xa no albor dos primeiros anos deste terceiro milenio parece que se ignora a Brecht ou se cambia de escenario. Digo Barcelona porque o teatro de Brecht, no primeiro lustro da década dos setenta, cando a ditadura manifestaba os seus síntomas de tocar teito, foi a cidade do Estado español que mais reincidiu en representar as obras máis políticas e sociais do dramaturgo alemán.

Actualmente sentimos esa ausencia representativa e incluso a falta de lembrar e dedicarlle sensíbel homenaxe a Brecht. Parece que neste país esquecemos as nobres facetas de homes da estirpe de Bertold Brecht que loitou por darlle á humanidade un nivel de conciencia e de liberdade contra calquera manifestación intolerante.

A súa dramaturxia e a súa poesía estiveron sempre orientadas a denunciar todo aquilo que non se toleraba e se agredía premeditadamente. Bertold Brecht e Thomas Mann foron dous intelectuais alemáns que quixeron estar en primeira liña da denuncia contra os masacres nazis. Desde o exilio tivo a coraxe de crear conciencia coa súa palabra en acción. E o mundo que aspiraba ás liberdades mais sinceras e mínimas respondeulle a Brecht, asumindo os seus poemas, os seus artigos e o seu teatro.

Na súa dramaturxia, sen dúbida, proclámanse varios modelos de resistencia a calquera totalitarismo e permítelles aos espectadores esculcar a realidade e, tamén, crear conciencia emocional e dialéctica para non sentirse frustrados ante as adversidades. E dicir, que o teatro de Bertold Brecht é un teatro de estímulos dirixido ás clases explotadas. Tamén ás clase dominantes, á burguesía que se deleita coa plusvalía que lles rouba aos traballadores. Desde estes parámetros hai espazos para que os que explotan reflexionen. E nesta dimensión de expor os problemas, dixo: "Non basta con esixirlle ao teatro coñecementos, reflexos ilustrativos da realidade.

O teatro debe estimular o deleite de coñecer, e organizar a ledicia por cambiar a realidade. Os nosos espectadores non só teñen que oír cómo se libera Prometeo, senón tamén educarse no goce de súa liberación. O noso teatro ten que ensinar tódolos praceres e ledicias dos inventores e descubridores, os sentimentos triunfais dos que tratan de liberarnos". Brecht, tamén dixo: "Porque coa arte se organiza o progreso social./ Porque nos provoca a reflexionar./ Porque nos incita a dubidar das solucións". E nestes seus dicires tan lapidarios máis forxados na súa praxe vivencial. Naquela temporalidade e naquelas xeografías humilladas polo nazismo soubo edificar esa magnífica arquitectura de relacións sociais, no contexto teatral, que aínda os mais sórdidos non foron indiferentes ante tanta realidade mostrada.

E nesta súa advertencia de implicarse para vencer a pasividade -o que hoxe chamamos pasotismo- deixounos esta proclama nestes versos: "Primeiro colleron os comunistas,/ mais eu non dixen nada porque eu non era comunista./ Logo levaron os xudeus,/ e non dixen nada porque eu non era xudeu./ Logo viñeron polos obreiros,/ e non dixen nada porque eu nin era obreiro nin sindicalista./ Logo metéronse cos católicos,/ e non dixen nada porque eu era protestante./ E cando finalmente viñeron por min,/ non ficaba ninguén para protestar".

Ler a Brecht é unha esixencia intelectual para os que tentamos que prevaleza a verdade e a xustiza social. E tanto a verdade como a xustiza social precisan de implicación. A pasividade de moitos alemáns fronte a Hitler, de italianos fronte a Mussolini, de españois fronte a Franco e fronte a outros ditadores de non menor ralea, todos sabemos as nefastas consecuencias que aconteceron. Todos, pois, precisamos de ler a Bertold Brecht.

martes, 05-12-2006

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras