Crónica dunha viaxe a Segovia (e II) 16-01-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Intrépidos arcos desafían o vento, ou o mesmo vento canta ao son desas cordas de harpa pétrea. O introito a esta cidade non pode ser mais apoteósico de ofrendar arcos á medida das persoas e dos espíritos que buscan recendos en maxestática altura. Cando un pasa o acueduto e observa os campanarios románicos, espallados polo alto cume, despuntan un encanto que nos obrigan a visitar e rebuscar mensaxes sacras e profanas nesas iconas medievais. Esa Biblia que só se pode ler coas retinas e dialogar co silencio deses detalles naturistas e naturalizados por almas espidas que se contentan coa ousadía da promesa.

Nesta viaxe eu busquei arte e un reencontro cos poetas de referencia que aquí deixaron a súa pegada, como San Juan de la Cruz, Antonio Machado e Xosé Crecente Vega.

Mais esas rúas retortas e estreitos pasadizos da alxama xudía que nos anuncian estar no centro do gueto, coa súa sinagoga que tantos sinais nos amosa das persecucións da comunidade hebrea e tamén das traizóns dos magnates xudeus, como Abraham Seneor de Segovia que na expulsión non vacilou en pasar aos Reis Católicos co nome de Fernán Núñez Coronel e cos privilexios de rexedor da cidade e membro do Consello Real e Contador Maior do príncipe Juan. A catedral gótica de Segovia é unha desas loucuras manifestas na súa superficie capaz de albergar a toda a cidade do século XIII, con asombrosas esculturas como a dos catro evanxelistas. Todo isto fainos pensar naquela nobreza e burguesía da idade Media e Moderna e da influencia que tiña en todo Castela e que necesitaba dun bo gardián como é ese Álcazar fachendoso que compite coa catedral. Detesto da arte militar, porra para ela..., mais esas liñas tan compactas e orixinais fanme pensar nun barco que avanza polas searas de Castela á conquista dos que non a aceptan.

Amplas prazas e delicadas praciñas como a do Corpus onde viviu e finou o noso poeta chairego Xosé Crecente Vega. O autor de Codeseira, transcendeu por esas rúas e conviviu con outros galegos que aquí ocupaban postos oficiais. A Galiza transcendida en Segovia nesa saudade que Crecente tiña polas cousas máis sinxelas e nobres da súa terra e que el nos expresou no mencionado poemario. Un poeta que tan pouco se ten valorizado e que comprendeu o valor das cousas orixinadas no noso contorno rural. En Segovia tamén morou o poeta das itinerancias, Antonio Machado, profesor como Crecente, mais este ten o seu museo na casa onde viviu. Nunha desas rúas estreitas, cunha cor de condolencia que é o manto de gala con que se viste Segovia.

Mais esta cidade con esas cores bastas e esas pedras milenarias cicatrizadas pola erosión, forman parte desa irmandade de sosegos e claridades. Aquí viviu o poeta sevillano e a súa presenza é idílica nestes recantiños que nos convidan a dialogar co silencio: don entrañábel que nos brinda Segovia.

Un non pode deixar Segovia sen visitar un dos conventos máis austeros e recatados á beira do murmurador río Eresma e daqueles álamos que flúen con oracións nas súas follas.

Parece que ese concerto de fluídos misteriosos están dedicados á permanente memoria de San Juan de la Cruz, esa voz serena e crepuscular da poesía española do século XVI, tan iluminada na creación de seus versos. Aquí repousa nesta igrexa carmelita o gran místico e o enorme poeta, nese alto sartego que se alza no centro do presbiterio.

Fascinoume esta visita, eu só naquela nave inmensa escoitando as oracións do vento e da auga, parecía que transmitían mensaxes de radiante harmonía. Qué facía alí un ateo coma min? Buscando a palabra do verso consentido e poñela na miña alma namorada. Como San Juan de la Cruz dixo: "El alma enamorada es alma blanda, mansa, humilde y paciente".

martes, 16-01-2007

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras