Congonhas e o segredo do Aleijadinho - 13-02-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Congonhas do Campo como descuberta da nosa vocación de peregrinar ao memorial de Antonio Francisco Lisboa, O Aleijadinho (1730-1814), foi un propósito cumprido nun día de treboada tropical que descargaba sobre Belo Horizonte. Andityas e mais eu chegamos no seu auto a Congonhas, esa vila recóndita de Minas Gerais que esconde nas súas entrañas minerais prezados que os portugueses buscaron con afán e naquel poboado construíron igrexas. A choiva fíxonos de incómoda compañeira e forneceu o río que serpea polos fondais de Congonhas que ía enteiro e bruto, lucindo arrogancia devastadora. Nun alto cume atopamos a igrexa do Senhor Bom Jesus e no seu frontal as escalinatas cos doce profetas, en pedra xabón, do Aleiadiho. Na entrada da mesma un pertinente esmoleiro baixo o pano negro do paraugas achegáballe a este sobrio estilo barroco o seu canto silencioso. Que pobre serían estas montañas mineiras sen estes artificios do Aleijadinho? O primeiro en descubrirlle ao Brasil e ao mundo o valor intrínseco da obra do Aleijadinho foi o naturalista francés, Austin de Saint-Hilaire (Orleáns, 1799-1853), que estudou a flora de Minas Gerais.

Os pedestais das escalinatas fican pois gornecidas por esas robustas esculturas proféticas que Oswald de Andrade así as poetizou: "No anfiteatro de montanhas/ Os profetas do Aleijadinho/ Monumentalizaram paisagem/ As cúpulas brancas dos Passos/ E os cocares revirados das palmeiras/ São degraus da arte de meu país/ Onde ninguem mais subiu// Bíblia de pedra-sabão/ Banhada no ouro das minas". Nestas esculturas hai un diálogo dinámico, xa non entre eles, mais co público que observa estático toda esa movementación que só os xestos bastan para entenrecer e ficar encantado con esa nova expresión que O Aleijadinho configurou nova orde do recargado barroco.

Unha das máximas autoridades no estudo da obra do Aleijadinho foi Lourival Gomes Machado, autor do libro: Barroco Mineiro, no que nos introduce nunha apoteótica e singular revelación no que lle saca o velo a tanta iluminación oculta que O Aleijadinho confirmou aquí.

Outro dos prodixios esculturais deste autor está nesas capelas que gornecen o viacrucis con enormes tallas en madeira de cada un dos protagonistas do Calvario. Estamos ante a terceira e última fase expresiva do Aleijadinho. Nada máis dinámico que ese cántico equilibrado de xestos e olladas saídas desa madeira que fala de tantos dons e misterios que celebraba O Aleijadinho nos seus interiores. Se a escultura do Renacemento tivo en Michelangelo Buonarroti a súa altiva e insuperábel contundencia expresiva, o Barroco ten no Aleijadinho o singular escultor que modelou un estilo propio do Barroco tardío que só no Brasil se contempla. O Aleijadinho humanizou cada unha das formas creándolles un espírito renovador e inmorredoiro.

Incumbe subliñar as circunstancias polas que pasou Antonio FranciscoLisboa que o vulgo lle deu o sobre nome de O Aleijadinho, pola doenza da lepra. A lepra foi roendo as súas mans até quedar sen dedos. Os seus discípulos acomodáronlle ao antebrazo uns artiluxios para amarrar as ferramentas coas que esculpiu estas numerosas esculturas do Calvario.

Ese poeta incesante, como foi Manuel Bandeira, nunha das súas crónicas de xornal dixo do Aleijadinho: "Até os 47 anos gozou de perfeita saúde, de que abusaba, alias, sendo grandemente dado aos vinhos, à mulheres e aos folguedos populares (...) É de crer que fose a lepra. Lepra ou humor gálico, como diz Bretas, o artista padecía freqüentemente dores violentas, tão agudas que o levaram mais de uma vez a mutilar-se os dedos com o próprio escopro com que feria a pedra". O roteiro do Aleijadinho é interesante para continuar os seus pasos e recrearse na súa arte.

martes, 13-02-2007

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras