Londrina do Paraná - 27-03-2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Despois de certos problemas no aeroporto de Belo Horizonte un voa cara a Londrina, no norte do Estado do Párana, sen primeiro pasar polo aeroporto de Congonhas en São Paulo. Desde as alturas un observa eses cumes de Minas Gerais que parecen voces implorantes, rodeados dun expresivo verdor, de ríos e lagoas. De súpeto São Paulo, a segunda urbe máis poboada do mundo, obsérvano as miñas retinas sorprendidas con tanto promontorio de rañaceos que poboan un horizonte sen fin. Os ríos lodosos e o verdor das planicies do Paraná dimensionan outro parámetro diferencial dese inmenso Brasil, que para os europeos é un continente.

En Londrina estaba á miña espera o vello amigo e profesor de literatura, Cláudio Mello. Desbordante dispoñibilidade e hospitaleiros sen igual practican os londrinienses. O Cláudio, a Ángela e a Mariana, son os que me introducen nesa cidade que é Londrina, con medio millón de habitantes. Unha cidade nova; tan nova que foi creada o 10 de decembro de 1934, por terratenentes e especuladores ingleses e os seus fundadores, para honrar a Londres, déronlle o nome de Londrina. A súa enorme praza revela ben os trazos da bandeira inglesa.

É sorprendente como as cidades en Brasil teñen a súa nacencia en rexistros ben actuais. Mentres que na vella Europa as cidades xa perderon a súa identidade inicial. Londrina asentada nunha planicie ao lado dunha lagoa, con seus rañaceos de cores e formas que esclarecen a modernidade, o poder económico e a sabenza, espallada desde a súa Universidade, é unha desas cidades que acollen a todos e tamén a desigualdade. Aquí observei a verdadeira faciana do Brasil, o drama dese mundo que excedeu a pobreza e está cercado na máis íntima miseria. Nunha grande praza, a media tarde, os membros dunha igrexa metodista, desas que tanto abundan no Brasil, estaban os seus acólitos repartindo comida que saía dunha perola fumeante. Coido que os desherdados deste mundo, merecían outro lugar máis retraído. Mais a "caridade" relixiosa ten que ser exhibida; é outra das formas prosélitas de atraer e enmarañar. Digamos que é unha fórmula ben anticristiá, que repele as palabras do Nazareno: "Non saiba a túa dereita o que dá a túa esquerda". En todo caso, ese prato único que posiblemente coman durante o día esa grande masa de mendicidade é un tema de Estado. Un problema grave dos Estados. Lamentablemente teñen que ser as igrexas, en planificación clientelar, as que repartan esmola co fin de aumentar o número de crentes forzados pola fame, esta é unha maneira de continuar perpetuando as cadeas clasistas.

Mais Londrina respira entusiasmo, dozura e excelente harmonía. Un dos elementos de sorpresa resultoume esa multiculturalidade que se procesa en todo o Brasil e pode que Londrina nos dea a dimensión do ser brasileiro e estar por enriba de racismos e doutras expresións descriminatorias. A lingua portuguesa (na súa expresión brasileira) é o elemento unificador da nacionalidade. Sorprendeume no xornal: A Folha de Londrina, que boa parte da súa redacción son de etnia xaponesa. Trátase dunha segunda ou terceira xeración dos que emigraron do país nipón, son brasileiros sen excepción.

Este Brasil multirracial, onde todos van de mans dadas, campean con seus nomes brasileiros e apelidos vindos de tódolos continentes e, todos eles teñen superado algo moi importante como o de non sentirse desprezativo ou desprezado co outro. Evidentemente no Brasil hai clasismo e exprésase dunha maneira ben esclarecedora entre os donos dos rañaceos e os donos das favelas. O problema da xustiza social é un tema que no Brasil ten moitos compoñentes dentro do panorama de loita de clases. Londrina mostroume o carácter simpático, benevolente e de ser expansivo con que se caracterizan os paranenses.

martes, 27-03-2007

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras