Santo Estevo de Ribas de Miño - 28.08.2007
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Paisaxe e arte combínanse no seu esplendor nun dos espazos da conca miñota, onde o silencio do medievo deixou pegada para quen non anda metido no "mundanal barullo". Calquera emoción panteísta ten aquí resposta silenciosa para quen se debruza nestas encostas ateigadas de castiñeiros e de vides retortas que señorean os socalcos. Preconiza o tempo que foi naquelas arelas perdidas e sempre manifestadas no pasado, que tantas leccións nos dá neste presente pragado de contradiccións.

Nesta escabrosa e santificada encosta na que se asenta o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño atopamos na súa paisaxe pagá e mítica, os ensoños lendarios e o respiro viático de anacoretas e cenobitas, e a perpetuación dos monxes bieitos dos que erixiron pedestal de pedras pulidas e labradas dedicadas ao primeiro mártir do cristianismo, Santo Estevo.

Nesta antiga Ripas Minei a arte e a paisaxe congratúlanse mutuamente nas nosas retinas. Os repoboadores destas ribeiras na época do bispo de Lugo, Pedro III O Peregrino e da raíña Urraca, representan o albor máis distinguido daquela revolución agraria dos séculos XII e XIII, programada e artellada pola orde bieita. Este vello mosteiro que hoxe revivimos, foi o centro das emocións espirituais e das incontinencias materiais dos nosos devanceiros. Pedra e paisaxe teñen todo un ritmo de luz evocadora e, tamén de presaxios, por onde a auga do Miño descende nas súas máis gratas prepotencias deixando as súas salmodías acuáticas nestas ribeiras.

O xentío románico que repoboou estas ribeiras para habitalas e procurar os seus deleites, soubo alzar este mosteiro románico, xa de transición ao gótico, non escatimándolle nobreza a esas penedas redondeadas pola erosión e mitificadas como deidades. Arrancadas do seu propio espazo erguéronas en alzadas paredes con catro fiestras a cada lado: representación dos catro profetas maiores do Antigo Testamento e dos catro evanxelistas.

Aquí xa vemos unha autodisposición da luz gótica para iluminar os interiores dos templos que o románico negaba. Mais o románico está ben presente en toda a súa articulación do pórtico e na súa arcada, cos sete músicos que tanguen instrumentos de corda e ben matizados na escola compostelá do mestre Mateo.

A Epifanía de tendencia gótica e a pía bautismal tan atractiva e complexa nos seus símbolos esotéricos, conforman un dos monumentos medievais mais destacados da Galiza rural.

Non hai mais de corenta anos que o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño estaba marxinado dos libros de texto e de estudos de arte e historia.

Este monumento está asentado nas ribeiras do Saviñao, mais parece ser como se fora construído para recrear os viñateiros de San Fiz (nas ribeiras de Chantada), que o ollan de fronte e os seus peculiares mitos e fábulas son materia prima para moitos guións de ficción. Etimoloxicamente nunca puiden saber porque nós os de Chantada lle chamamos Convento de Ronfiz e nunca Santo Estevo de Ribas de Miño. Quizais un nome ruín ou unha benquerencia? Ninguén sabe. O caso é que este mosteiro, na súa orientación cara ás terras de Chantada, emitía destellos no solpor que desde os vidros do enorme rosetón, en súas diversas cores, potenciaban esas lendas tan orixinais que contan os de San Fiz.

Coñecín varios procesos de mellora que se empregaron neste mosteiro. A iluminación do mesmo, para quen pase de noite polo viaduto de San Fiz pode que leve a mellor imaxe deste monumento.

O ingrato dilema é que desde hai tres anos dúas enormes fendas abriron a arcada e deterioraron algunhas das iconas. Patrimonio debe estar cego ante estas lesións que posiblemente proceden dos movementos sísmicos. Quizais algún día tapen as fendas con flores e digan que así está máis fermoso.