Sargadelos 22-01-2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Sargadelos, O Castro, IGI son consecuencia dun proxecto de dignidade patriótica de dous artistas galegos que desde a trilla do exilio na Arxentina configuraron estas empresas: expresión de galeguidade e configuración de liberdade nunha Galiza masacrada e silenciada. Os mentores desa iniciativa empresarial foron Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.

Dous homes vítimas da ditadura, a Isaac matáronlle o pai, Camilo Díaz Valiño, e Seoane tivo que fuxir clandestinamente de Galiza. Foron eles os que vertebraron un proxecto ambicioso con entidade nacional galega como é O Castro, Sargadelos, IGI (Instituto Galego de Información), Ediciós do Castro e Museo Carlos Maside. Empresas punteiras nas que verificamos que Galiza existe coa súa propia orixinalidade, na que Díaz Pardo e Seoane foron os únicos pais desta colosal empresa de formas que durante tantos decenios dignificaron Galiza e que agora están en perigo pola falta de escrúpulos dos novos ricos que capitanean estas empresas e cuxo lema é o diñeiro.

Aqueles avistados de segunda que sen ser nada floreceron ao lado de Díaz Pardo non dubidaron en facerlle a máis miserábel das mancadelas que se lle pode facer a un octoxenario; a unha persoa con dignidade profesional que todo o deu por entrega a unha causa, a de salientar a creatividade artística configurada na creatividade tradicional do pobo galego. O todo vale para os novos desertores do proxecto orixinal de Sargadelos atenta contra o concepto creador dos seus fundadores.

O grotesco desta historia é que se oculten e se usurpen os nomes de Isaac Díaz Pardo e de Luís Seoane, os verdadeiros mecenas destas empresas de cerámica. Como ten acontecido hai poucos meses en El País Semanal, por parte do articulista, que nos falaba dunha empresa familiar onde moitos participantes erixiron esta empresa e nin unha soa palabra se nos dixo de Díaz Pardo e de Seoane. Un secuestro de información; unha falta de lealdade á historia de Sargadelos. Toda unha parafernalia publicitaria co fin de illar a Díaz Pardo.

Mais a realidade é que os novos formatos que está lanzando ao mercado Sargadelos, feitos á medida de persoas alleas á cultura e a tradición galega, non teñen identidade; non aparece por ningunha parte o formato de proximidade co que estabamos afeitos a ver as cousas de Galiza neses parámetros orixinais tan marcados polos seus dous iniciadores. Agora é todo alleante e notablemente ambiguo. As novas pezas de Sargadelos nada teñen a ver coa nosa arte e coa nosa antropoloxía, que tanto Seoane como Díaz Pardo sempre procuraron que ese elemento identidario permanecese vivo, buscando novos atributos e contributos que o fortalecesen.

Polo tanto, todo isto empana o que se diga por parte dos ocultistas que se "garante e preserva" o legado cultural. Cando se trata de espoliar o seu fundador do último reduto que lle deixaron, a sede do IGI, con cortes de luz e sen pagarlles ós seus empregados. Non se esforcen os novos mecenas de Sargadelos en dar comunicados apracibles, que a realidade mais sangrante está á vista e servida.

Este affaire toma outras dimensións solidarias por parte de intelectuais e do pobo raso en favor de Isaac Díaz Pardo, con manifestacións como a que se agarda mañá en Compostela. Comezan a falar os políticos e isto é bo. O máis importante deste asunto é que a Xunta, neste caso os técnicos da Consellería de Cultura, promovan que o verdadeiro legado creado por Luís Seoane e Díaz Pardo sexa patrimonio dos galegos.

E como patrimonio deben ser as autoridades competentes as que teñen que establecer as fórmulas de que este patrimonio non se degrade nin se usurpe, en función de intereses monetarios. Neste sentido, non se pode desvirtuar ou eliminar unha acción creadora que fixo país durante décadas

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras