As fendas de Rajoy 26-02-2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Analistas políticos e sociólogos teñen materia de manual na discursiva de Mariano Rajoy e crónica de historieta neses seus determinados de- saguisados que durante catro anos sementou catastrofismo elevado ao profundis tenebrarum en seu die sire contra o goberno. Non sei se a maioría dos votantes utiliza a memoria para facer un reconto exhaustivo e deixar que o balance de agravios contra unha determinada sociedade democrática fale por si e reprobe o que o PP, retraído na súa recalcitrante ortodoxia, estivo máis polo labor de obstruír que de facer unha verdadeira oposición, cun talante de revelarlle á sociedade unha argumentación sobre os verdadeiros problemas que ten este país.

 

A obsesión de Mariano Rajoy e do seu contorno por amagar os problemas das clases máis desfavorecidas é un empeño correcto dado que el está no outro contrapeso do que ideoloxicamente do que tan pouco se concibe e se menciona como é o panorama da loita de clases. E a mensaxe desa loita, aínda que se utilicen eufemismos por parte da dereita para minimizala, sempre un sabe que pola punta do iceberg podemos detectar o que del se esconde en tenebrosas e xeadas augas.

As barulleiras tan orquestradas nesas arroutas de falta de pulcritude democrática, sen o menor recato ético e estético, todo observamos como nos escanos ocupados polo Partido Popular, patexaron e mesmo ouvearon contra os discursos de seus adversarios. Así foi como floreou a obstinada dialéctica para rebater ao resto dos deputados. Asistimos, por parte desa dereita, a un espectáculo inaudito e bunkeriano que nos lembra os mellores tempos de Cánovas del Castillo.

O máis atractivo desa oposición foi a de non presentar temas sobre a defensa de intereses varios, mais como o zapato foi feito a medida dos pepés, ninguén outro máis ca eles pode calzalo nin utilizar ese formato. Houbo críticas sen medida e sen convicción; eludiron debates e utilizaron a linguaxe máis lumpen co fin de pechar varias vías de diálogo que os cidadáns precisan. Alegatos hostís e vulgares ataques foron o primordio de ataques contra o goberno. No caso de que Rajoy tivese un mal orgasmo, tiña a culpa Zapatero.

Durante esta lexislatura a discursiva do PP retratouno en varios conceptos constitucionais inmiscíndose sobre a división de poderes e tentando barallar temas exclusivos do lexislativo con outros do executivo ou xudicial. Brincaron ao despiste. Mais neste certame, espanta a maneira de como o PP concibe o Estado de dereito, desde unha óptica mussoliniana, para rematar pensando como Luis XIV: "O Estado son eu". Aznar, quizais foi o pioneiro en introducir este concepto nas obsesións do PP para facerse co poder e moldealo ó seu libre albedrío.

Nada achegou nin esclareceu o PP nestes catro anos exercendo de montaraz. Foi capaz de crear tensión e non tender pontes para unha convivencia coa propia sociedade que conscientemente se alarmou por esa crispación continua. É lexítimo que a oposición demande responsabilidades e poña o dedo na chaga do que entende por anomalía, o que é inmoral é que se intente picar o globo cando todos estamos subidos nel.

Así é que o candidato posto a dedo por Aznar, o Sr. Rajoy, non foi capaz de tallar o cordón umbilical que o une a Aznar, e é este o que lle sopra tácticas a un Rajoy feliz e despreocupado, parapetado nas súas costas como moi ben nos ilustran as viñetas de Peridis. Diremos que Rajoy é un líder cunha valoración á baixa polo eclecticismo en que está mergullado; por manter un discurso que nin atrae nin define. Cando non ten recursos para atacar o adversario recorre ao insulto fácil e pachangueiro. Agardamos unha nova xeira política que comece a partir do 10 de marzo onde a mentira, a insidia e o señor Rajoy non estean en política.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras