Salvador Allende, no seu centenario 01.07.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Salvador Allende (26 de xuño de 1908-11 de setembro de 1973) marca unha das páxinas mais brillantes da historia política e social do século XX latinoamericano. Prócer dunha América do Sur soberana e libre, loitador pacífico contra as desigualdades sociais. Propiciou un ensaio necesario proxectado co seu ascenso a presidencia de Chile en 1970. A vía pacífica de Allende nunha América convulsa, na que a Revolución cubana estaba moi presente por certos grupos bastante representativos na sociedade latinoamericana que tiñan asumido e partindo das referencias revolucionarias de Cuba. O goberno de Salvador Allende nin estaba orientado pola Revolución cubana nin tampouco polos esquemas socialdemócratas de corte europeo. El foi un crédulo convencido en actuar dentro do marco constitucional e a partir de aquí crear novos instrumentos de cambio.


Salvador Allende foi consciente do papel da esquerda histórica do seu país e de puntuais traumas que a sociedade chilena tivo que pagar por anticipado, dado que aquela esquerda non tiña asumido certos valores de cambio. Chile tivo sempre un proletariado moi concienciado, sobre todo os mineiros de Antofagasta; unha fronte cívica que superou certas posturas políticas ultra pasadas. Mais a dereita, montaraz e de corte colonialista, representada polas oligarquías cubilladas na democracia cristiá, onde exerceron seu poder ostentado pola familia Alessandri e a saga dos Frei.

Aquela cicatriz popular supurando inxustizas había que pechala e Salvador Allende estaba por un desenvolvemento político que colocase as clases populares nun concerto de que as materias primas chilenas comezasen a ser solución para ­millóns de desherdados. Por esa causa foi pola que el loitou desde moitos anos antes de chegar á presidencia de Chile.

Salvador Allende foi un humanista cunha fidelidade sen límites a realizar un proxecto social onde as clases populares tivesen acceso ás riquezas que producía Chile e para iso había que desautorizar á oligarquía dominante. Isto equivalía a un confronto cos monopolios norteamericanos, dado que aquela oligarquía era intermediaria dos gringos. Por iso aquela revolución pacífica e un tanto filantrópica de Allende tivo monstruosos ataques por parte de quen dominaba a produción. Numerosas batallas libráronse en Chile entre o poder popular e a oligarquía, enrocada en súa torre de marfil. Todos os poderes fácticos produciron graves tensións para descabezar as institucións nas que Allende ía avanzando con certas premisas revolucionarias. Neste sentido el era consciente e estaba seguro da lealdade das clases traballadoras. Estivo convencido en solucionar problemas graves que os traballadores estaban soportando mentres certas elites da esquerda demandaban posturas mais revolucionarias. A CIA e o Pentágono buscaron un traidor que encabezou o golpe de Estado do 11 de setembro de 1973: Pinochet, esa cousa covarde e que finxindo serlle fiel a Allende o traizoa e o asasina.

Ese 11 de setembro parece que se repite con aquel outro 11 de setembro de 1891, onde o liberal José Manuel Balmaceda (1840-1891) presidente de Chile de 1886 a 1891, suicidouse ante a presión dos poderes fácticos da época. Non cabe dúbida que Balmaceda e Allende foron dúas vidas moi paralelas e consagradas ao benestar de Chile. Balmaceda foi traizoado polo xeneral Manuel Baquedano e Allende por Pinochet. Balmaceda planeou un desenvolvemento económico baseado na liquidación dos monopolios do salitre, tamén chocou duramente co poder eclesiástico. A súa morte representou o triunfo da oligarquía. Certas claves desta historia repítense con Allende. Pero Salvador Allende non deixa de ser ese elevado miradoiro de dignidade referencial pola que se ten que orientar Latinoamérica.