No berce de Teresa de Ávila 15.07.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

A sufocante calor de Madrid provocou que me distanciara dela e buscase outras latitudes. Así cheguei até Ávila e pasei por esas paisaxes por onde o tren ranquea, chía e esvara por medio deses penachos, érbedos e riazóns que lle insinúan ao viaxante que a Serra de Gredos ten aquí comezo. Robledo de Chavela, Las Navas del Marqués e La Cañada connotan un perfil de terra solitaria e adusta que provoca contemplación de santoral. Pode que o visitante busque, mais que o turista, ser conmovido ou apresado por esas murallas góticas, feitas á medida de quen preserva valores cultuais e riquezas sen miras de procedencia.

A andaina comeza na estación e un pasa a rentes do convento de San José, onde deixou as primeiras iniciais de vocación Teresa de Ávila, tal como sinala a placa alzada na parede. A poucos metros da fermosa praza de Santa Teresa, ao lado da románica igrexa de San Pedro, unha sorprendente e altiva estatua dedicada e esta mística parece que arrebata as olladas de quen a admira. Mesmo na porta do Alcázar, fronte a esta praza, unha branca estatua de Teresa de Jesús, a rentes do chan, serve para que os visitantes a observen e os turistas a fotografen.

Igrexas e conventos entre inacabadas rúas respiran a oracións encubilladas nesa pedra erguida co salouco de quen aspira a celestes paraísos. Encantadoras rúas de Ávila, portentosas e ben custodiadas pola muralla, non deixan de ser un prototipo da Ávila celeste. Noutra parede de igrexa, outra lápida menciona que nese lugar foi bautizada Santa Teresa. Mais a baixo, atopamos o convento carmelita edificado na casa nativa de Teresa de Cépeda y Ahumada. O solar da familia xudía conversa que tantos litixios tivo coa Inquisición. Nos fondos desta igrexa está o museo dedicada a Santa Teresa, amplo e completo en todo o que atinxe á fundadora do Carmelo. Elementos iconográficos: pintura, tallas, medallas conmemorativas, só este espazo chega para evocar a dimensión creadora de Teresa de Ávila. Mais a suma continúa noutros referentes que nos dá a medida intelectual de Teresa. Sorprenden os imaxineiros desas tallas de Santa Teresa, con Cupido no seu ombreiro e lanzándolles frecha ó seu corazón: elemento pagán e matiz do amoroso éxtase, que levou a Gianlorenzo Bernini a elevalo na súa escultura, e que moitos especularon que aquel xesto de Teresa de Ávila se trataba dun orgasmo. Expresión dinámica que escenifica gozosa sensualidade ou sexualidade, satisfacendo a uns e incomodando a outros.

Con estas excelentes estrañezas e con tantas outras credenciais, neste museo están as claves que revelan puntualmente a dimensión beática dunha verdadeira creadora feita a medida do que Ávila era e do que Ávila segue propoñendo con súas múltiples igrexas e cunha muralla que marca espazos sen pechar as súas portas.

Con esa iconografía de santidade que Ávila exhibe e contempla, atopeime cunha moi especial e de enorme benquerencia que evoca, no alto dun pedestal, a San Juan de la Cruz, outro abulense de Fontiveros, da mesma orde do Carmelo, igual que Santa Teresa. Dous paradigmas da mística castelán do século XVI; precursores da literatura de Ouro Castelán. O éxito de moitos escritores daquela xeración áurea, se lles debe a estes dous místicos e escritores de Ávila.

Admiro ferozmente e salvaxemente os Poemas de San Juan de la Cruz que arrancou da súa ánima naquelas celas cativas feitas á medida de perturbados. A obra tremendamente universal e ante inquisidora de San Juan de la Cruz e de Santa Teresa de Jesús deron un extraordinario xiro á poesía en castelán, nun período no que a Igrexa e o Estado, unidos e confabulados nun fanatismo sen precedentes, produciu dous grandes espíritos creadores e libres, naquel ambiente da Contra Reforma, onde todos eran sospeitosos.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras