As cabras de San Ciprián 09.09.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Na miña parroquia de nacencia, Merlán, celébrase a festividade do bispo de Cartago, San Ciprián ou Cibrao. Unha festa feita a medida do conde de Taboada e Ulloa, señor da xurisdición e coUto de San Tomé de Merlán, que nos albores do século XVIII a instituíu e perpetúase até a actualidade. Os días 16 (festividade deste bispo mártir) 17 e 18 de setembro de cada ano son as datas tradicionais da festa.

Unha romaxe especial que moi poucas parroquias do rural de Chantada poden presumir de tres días de festa, co ingrediente cerimonial de levar en procesión esa talla de San Ciprián cos seus atributos de bispo e escritor, báculo e epistolario, e ourizos con castañas madurecidas.

Faime pensar este detalle e coido que pode ter dúas interpretacións: anunciar as castañeiras dos acugulados soutos de Merlán, se isto fóra así estamos falando dun acto moi antigo de sacralizar a recolección de froitos como era a castaña: fundamental na dieta alimenticia que tivo Galiza durante moitos séculos.

A segunda interpretación -quizais a mais profana- sería que o conde de Taboada e Ulloa lles anunciase aos de Merlán, poñendo a San Ciprián como testemuña, a recollida de castañas para pagar os foros señoriais e as oblatas a igrexa.

Mais San Ciprián, durante os tres días de festa, ten apousento na capela de Santo Amaro da Torre que no século XVIII desprazou as atribucións festivas e curandeiras da reuma que tiña Santo Amaro, todo por obra e vontade do mencionado conde e coa graza do bispo de Lugo. Na festa de San Ciprián había outro ingrediente importante como era a feira de gando que se celebraba o día 16 de cada mes na xurisdición de Merlán. Mais a feira que coincidía coa festividade do bispo cartaxinés, estaba dedicada só ao gando caprino, pola importancia que tiña a carne de cabra nas vendimas de Chantada e polas peles que se curtían e se convertían en odres ou pelexos, cos que os ribeiraos transportaban o viño desde as adegas do Miño aos seus domicilios.

A feira das cabras de Merlán foi noutros tempos apoteótica e de utilidade estritamente labrega, que floreceu dentro da economía de subsistencia e que deu pulo para que a festividade de San Ciprián tivese varios parámetros, no que toca á sacralización de santoral, á festa grande da parroquia e á feira. Toda unha interrelación unificadora que lles deu pulo a eses encontros de motivación diversa, os que ían curarse da reuma sendo tocados por unha pequena imaxe de San Ciprian, polos que mercaban unha cabra e polos que facían festa campestre, sobre todo os de Chantada que pechaban os comercios polo día 17 e a curta distancia de quilómetro e medio que separa a capital do concello co lugar da Torre de Merlán, deu vida a esa comunitaria festa que aínda continúa gardando os seus sinais de identidade.

As mudanzas temporais son evidentes e isto implica cambios e, tamén, asumir novas fórmulas para que a tradición da festa e da feira teña continuidade. Os viñateiros xa non precisan de odres para o transporte do viño, coa chegada do tractor e de novos accesos á ribeira deixáronse de producir odres ou pelexos e a demanda de cabras foi a menos.

O retroceso da agricultura e o acceso de moitos parroquianos de Merlán ao mundo do traballo comercial e industrial, fai que a maioría dos veciños democraticamente asumiran o cambio de festa para un venres, sábado e domingo que este ano coincide cos próximos días 12-13-14, e así evitar a pouca concorrencia en días laborais. Estes cambios sempre crean trauma e incomposturas entre os veciños, mais o bo facer da mocidade e da Asociación de Veciños de Merlán están facendo un enorme esforzo para que a festa e a feira das cabras de Merlán non esmoreza senón que teña unha nova modalidade adecuada aos tempos que corren.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras