Un gol de ouro - 27.10.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Os espectadores de fútbol sempre procuran que a súa equipa lles amplíe o seu catálogo emocional con algún gol de ouro, prata ou bronce que o propio público determina o grado, en función de manifestas expresións que se fan nos estadios. Esa manifestación in situ é a máis precoz e auténtica, que determina inventariar un gol de ouro, artillado polo esforzo e pola técnica de quen o executa. O protagonista do último gol de máximo quilate foi Iniesta, no encontro entre a selección española e mais a belga. Todos falan dese idolatrado gol, desde o rei Pelé até o limpa botas das Ramblas.

O gol de Andrés Iniesta pasa a ser un incentivo para os que coleccionan iconas. Que mágoa que ese gol non fora espazo natural do Camp Nou, para que o meu compañeiro de fila, cando acontecese ese magnífico transo, cando o ­Barça marca un gol de ouro, apaga o fumeiro da cachimba e acende un cohiba. Tamén leva montecristo, mais este está dedicado a goles secundarios. Ese tipo de goles teñen un pretexto no bo captador de xugadas para darlle elevada categoría nesa licenciosa fumeira dun aromático tabaco. A maneira solennizada de fumar charutos, con ímpeto e arrogancia, marca o énfase dunha congratulación maiúscula de ver como ese fume ritual se eleva e que pode ser o símbolo do triunfo da súa equipa. É unha especie de brindes e de ovación silenciosa.

Para un culé consagrado e metido nas entretelas do Barça, o ritmo e as estratexias do centrocampista non son novidade. Iniesta configura excelentes formatos de gol. Andrés Iniesta é da canteira. Desde os seus 12 anos o balón foi a súa segunda mamadeira. A ficción do Barça ten moito respecto por estes xogadores; solemnidade extrema.

Na antolóxica de goles que figuran na historia do club xa están os goles de Iniesta. Cando un culé recita eses goles particularizados por Pep Samitier, el magic, os de Sándor Kocsis, de Kubala, Suárez, e os considerados cósmicos de Johan Cruyff, Maradona, Romario, Koeman, o gol de ouro de Ronaldo ante o Compostela, o de Lionel Messi ante o Getafe e os mais próximos e inesquecíbeis de Ronaldinho e agora os que nacen dos pes en danza de Andrés Iniesta, conforman toda unha epopea de ouro, prata e bronce. Son goles que lle dan auxe a un estilo propio que cativa a ese público que non é propenso ao inaudito, que só espera goles en función do seu propio cálculo. Mais a matemática do futbolista e outra. Ten un sentido segredo e quizais iniciático. A fascinación dunha xugada que burla as barreiras protectoras do medio campo e chega a desartellar as baterías defensivas da equipa contraria, é un exceso de vontade na creación de xogadas vangardistas que agrandan esa iconografía do fútbol como obra de arte e que moitas veces excede ao deportivo.

Xugadas como as de Iniesta, configuran unha mobilidade permanente e extrema de que a metamorfose futbolística non é un formato inmobilista. Pep Guardiola, o adestrador de Iniesta, o sabe moi ben que a este e a outros dianteiros do Barça non se lles pode encadrar nun espacio restrinxido senón nun contexto onde o xogador goza e se recrea na súa propia independencia.

O Club de Futbol Barcelona incrustou na súa historia a grandes mecenas dun xogo tan individualizado que crearon unha pedagoxía que poucos adversarios menosprezaron. E si hoxe falamos de Andrés Iniesta é porque é froito desa disciplina pedagóxica e identidaria do Barça que se concreta en varios parámetros polos que pasaron os grandes xogadores do mundo.

Os clubs dos novos tempos xa perderon esa auto estima que tiñan por crear e conservar a súa canteira, o fútbol é un negocio estelar e as vellas aspiracións de crear e conservar canteira xa é conto de fadas. Mais Iniesta particulariza unha traxectoria dentro dun proxecto que no ­Barça ten eficaz continuidade.
Un gol de ouro - 27.10.2008

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras