Os internautas de Uxío Novoneyra 28.10.2008
ECOS DA BERENGUELA -xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

O próximo día 30, cúmprese o noveno aniversario do pasamento do poeta do Caurel, e un ano da posta en activo da web www.uxionovoneyra.com pola que seus amigos de Barcelona reivindican o Día das Letras Galega de 2010. A suma de adhesións é moi importante e as mensaxes que deixan os usuarios matizan puntualmente o valor humanista e literario de Uxío Novoneyra, e o alcance mediático en diversos espazos sociais e culturais.

O caudal adhesivo procedente de varias partes do mundo confirma o clamor por un poeta que amou a Galiza e non foi alleo aos problemas e conflitos que lle tocaron vivir. Letanía de Galicia aprémanos que o noso poeta non renunciou á loita de redención, tantas veces aprazada e desoída. Ou Vietnam Canto, que mostra o pulo solidario e comprometido que Uxío tiña polos pobos asoballados. Nestes dous contextos, a resposta é esclarecedora e determinante. Un pode comprobar que os que manifestan a súa adhesión convértense en mensaxeiros cando emiten inapelábeis sentenzas sobre Novoneyra, están facendo un apelo aos que determinan a elección do persoeiro para conmemorar no día das nosas letras; aos señores académicos da Real Academia Galega. Cando a vox populi é tan forte e esclarecida, tal como se manifesta nas adhesións, será moi difícil silenciar a evidencia deste clamor pola valía deste escritor.

Se votamos mao da estatística, a varios niveis, diremos que durante un ano de permanencia desta web tivo 6.222 visitas chegadas de 432 cidades e con 646 adhesións. Isto confirma que Uxío Novoneyra é un poeta valorizado e en alza segundo as mensaxes e as consideracións dos internautas. É doado dar máis cifras. Os visitantes galegos a esta web fano desde os seguintes núcleos de poboación, por esta orde: Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Vigo, Pontevedra e Ourense. No eido do estado español sinalamos os dez primeiros núcleos: Barcelona, Madrid, Baix Llobregat (Barcelona), Valencia, Tarrasa (Barcelona), Oviedo, Salamanca, Alicante, Sevilla e Palma de Mallorca. Dos 55 países que teñen visitado esta páxina, citemos os dez primeiros: España, México, Portugal, Arxentina, Francia, Estados Unidos, Brasil, Colombia, Reino Unido e Venezuela.

Con relación a Galiza as adhesións teñen diversa procedencia. Digamos que os seus colegas, os escritores, non son moi propensos a solidarizarse, pola que nos di a estatística da web e a comparación que se fai cos rexistros que figura no vademecum de escritores galegos. Incluso non aparece o nome daqueles que se tiñan por amigos ou coqueteaban con el. Por que? Non o sabemos, nin tampouco interesa, dado que un acto de liberdade moi persoal, de manifestarse ou silenciarse. Pero hai unha minoría de escritores que se manifestan con pulo e rotundidade.

O que conforta nesta web é saber que a maioría de galegos que deixan o seu voto e a súa mensaxe son de extracción popular e, sobre todo, son os profesores, cuxa identificación de remitencia procede de edu.xunta.es. Que os pedagogos teñan unha implicación manifesta nas adhesións valoriza a reivindicación. Isto quere dicir que tamén falan nas aulas e seus alumnos terán sempre un coeficiente alto sobra a persoa e a obra de Uxío Novoneyra.

Entre as mensaxes desta web, no eido internacional, hai que destacar a do escritor arxentino Juan Gelman, e de tantos outros escritores da lusofonía, así como da lonxincua Australia ou do Xapón e Vietnam. Isto confirma a universalidade de Uxío Novoneyra, aínda que para moitos non sexa profeta na súa terra. Por iso, os promotores desta páxina na que se reivindica o Día das Letras Galegas 2010, para o poeta do Caurel, teñen claro que a estas alturas (cun ano de vida desta web) a petición e radicalmente positiva e sustentábel por centenares de persoas que reivindican a figura do poeta Uxío Novoneyra, como protagonista das letras galegas de 2010.