Até sempre, Harold Gratmages 23.12.2008
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Danme noticias desde A Habana do pasamento do compositor, Harold Gramatges (Santiago de Cuba, 26 de setembro de 1918-Habana, 16 de decembro de 2008). Noventa anos dedicados á composición musical; a crear e a formar valores nos que hoxe os musicólogos cubanos se orgullecen. Gramatges foi un compositor radicado nas diversas fontes populares da música cubana, como el diría: "Toda mi obra es acendradamente cubana y eso no lo alteran los cambios en el lenguaje musical". Tamén admitía: "No compongo para que me escuchen únicamente los especialistas, sino para que me oiga el público y me comprenda. Siempre he tenido presente la función social de la música".

Mais de cen títulos conforman o repertorio compositivo musical de Harold Gramatges, ademais do piano tocou outras teclas musicais, tan valoradas como engrandecidas polo seu valor creativo. Aos oito anos debutou co seu pai, afeccionado ao violín que explorou no seu fillo Harold sensibilidade e espontaneidade no oficio de Orfeu. Desde aquel infantil encontro coa música proseguiu longa camiñada por todo Europa á procura de ampliar coñecementos en diversos conservatorios e relacionándose cos grandes mestres daquela Europa de entre guerras. De regreso a Cuba, fundou a Orquesta Sinfónica Juvenil da Habana e foi subdirector da Orquesta de Cámara e, mais tarde, director da Orquesta Sinfónica da emisora Radio CMQ. Gramatges, nos anos corenta, protagonizou a vangarda musical como proxecto nacionalista. A cubanidade musical de Harold Gramatges enténdese desde a necesidade que el sentía pola renovación de crear novas tendencias musicais e, desde esta liña de actuación, actualizou a música dándolle un sentido vangardista.

Polas súas ideas progresistas tivo que saír do país en tempos de Batista. Co triunfo da Revolución foi embaixador de Cuba en Francia, de 1960 a 1964. Amigo do presidente De Gaulle. Cóntase en Cuba que estando nunha recepción de embaixadores, no pazo do Elisio, o xeneral De Gaulle sorprendeuse de que o embaixador de Cuba estivese alí cando os americanos tiñan entrado en Bahía de Cochinos. Parece que De Gaulle sabía do día certo, mais os americanos atrasárono unha semana. Ao oír isto, Gramatges saíu do encontro e telefonou a Fidel, informándoo do que dixera o presidente francés. Foi aí como os revolucionarios cubanos agardaron o desembarco.

En 2002 coñecín a Harold Gramatges nunha recepción na Unión Nacional de Escritores e Artistas de Cuba (UNEAC), presentounos Miguel Barnet. Comentoume que seu avó paterno era de Sitges (Barcelona) de profesión xoieiro e reloxeiro, que se instalará en Santiago de Cuba, escapando das guerras carlistas en España. Comenteille que o seu apelido catalán non se pronunciaba como os cubanos acostumaban. A pronuncia catalá era Gramatchas e Sitchas. Apuntou estes dous datos e comentou que lle entusiasmaba a sonora orixinalidade en catalán. Convidoume á súa oficina de traballo, tan humilde e desposuída de decoración como el mesmo era. Mais aquel contorno el facíao tan cálido como fraternal e tan humano como popular. Foi unha das persoas que máis me impactou dos intelectuais cubanos.

Nas miñas visitas a Cuba sempre tivo un espazo para acollerme. Tamén creou tempo para asistir ás miñas conferencias en diversos lugares da Habana. Unha delas entrada a noite, na Embaixada de Angola na Habana. Co gallo do Festival de Poesía del Caribe 2007, asistiu no Teatro Karl Marx á miña conferencia: A música e a danza na poesía de Agostinho Neto, que a el lla dediquei. Sorprendeume a velo entrar, acompañado de Gema Suárez Cabrera súa representante e promotora, xa cargado coa súa doenza ás costas. A morte de Harold endexamais nos deixará orfos mentres escoitemos a súa Sonata para piano, entre outras.