Lugo e os poetas13.01.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Sen dúbida, Lugo é unha cidade avantaxada nas referencias que fixeron dela os poetas. Un interesante e fermoso libro e, quizais, fundamental para entender a nosa cidade, está coordinado por Darío Xohán Cabana e publicado polo Concello de Lugo, co título: Poetas en Lugo. Esta distinguida publicación bilingüe, na que se traducen poemas do galego para o castelán e viceversa. Todo un inventario lírico que vai desde Afonso X O Sabio, do século XIII, até Lupe Bao, do século XX. Setecentos anos de fecunda expresión, tendo a Lugo como punto de mira. Mais os poetas referencian as singulares maneiras sen exceder en eloxios e en reverencias.

Velaí unha maneira de entender unha cidade tan particular como é Lugo desde a poesía. É verdade o que di na introdución Darío Xohán Cabana, que Lugo "é unha cidade á medida do corazón". Un corazón que latexa dentro da muralla. A muralla é o marco de aconteceres memoriais, de referencias múltiples que dan pulo a unha cidade que exhibe a súa historia dentro dese perímetro de pedra harmónica. A pedra de Lugo fala e fai falar as demais cousas que Lugo ten. Os poetas falan coa pedra nunha rica linguaxe; os poetas son seres capaces de escudriñar e inventariar destaques que os demais non chegamos a detectar. Neste repertorio poético a sensibilidade dos autores busca esa metafísica que Lugo ten, e Lugo dá. Cando un camiña polas súas rúas, parece que a evocadora poesía que estes poetas lle devolven agradecidos á pedra que fala. Coido que non é necesario acudir a unha guía calquera para descubrir Lugo. Os poetas magnifican sorprendentes descubertas e converten este poemario na guía espléndida onde podemos captar sorpresas e vencellos, dos que naceron e viviron en Lugo, como os que viviron e os que pasaron por el. Estes poetas deixan constancia da sorpresa e do impacto que causa esta cidade cando é observado co espírito e non coas retinas.

Poemas ou florilexio para memorizar a utilidade das cousas que Lugo nos ofrenda. Hai poucas cidades que teñan a maxia de Lugo e o encanto tan emancipador. E isto percibiuno o trobador Fernando Esquío nas súas ansias de ir de Santiago a Lugo, procurando amores. Ou a poética do poeta natural de Lugo, Luís Pimentel, que nos ilustra coa cidade na palma das maos; seu Olimpo, seu templo órfico que nos descobre as identidades de Lugo.

Outro poeta de Lugo, como Ánxel Johán, proclama a unha cidade presentida nesa elaborada forza de imitar a vitalidade desas formas de beleza nunca interrompidas nin afastadas. Saliéntanos, tamén, a descuberta dun poeta, D. Ánxel Fole, nun curiosísimo romance que nos concede un alento para ollar a historia de Lugo desde os romanos.

Que terá Lugo para que os poetas exclamen?: "Quero ir a Lugo", como fixo Celso Emilio Ferreiro, para ver e sentir o que? Lorenzo Varela destaca varios puntos emblemáticos da cidade, a catedral, a Porta de Santiago, a Alameda e a fonte de ferro. Tamén o poeta da Terra Cha, Manuel María, mantén unha continua invocación a diversos espazos de Lugo. Manuel María fixo vida xuvenil nos rentes da muralla, Lugo para el é unha ofrenda de coñecemento; é algo iniciático entrar e saír por esas portas abovedadas da muralla, ou contemplar o manso río Miño que fai inmensa curvatura como ofrenda a esta terra do deus Lug.

Uxío Novoneyra foi un dos poetas que mellor visualizou Lugo e, tamén, escoitou e meditou aquel piar dun teimoso moucho que moraba na Alameda. A muralla é un referente ben privilexiado na poesía de Novoneyra. Nun dos seus poemas menciona o camiño de pelegrinaxe: "Ir a Santiago de Compostela/ non sen antes por Lugo pasar/ ou sen logo por Lugo tornar". As experiencias son múltiples neste libro, tomando Lugo como elemento integrador nese doce latexo que nos conmove.