O labor dignificado de Ánxela Bugallo 17.03.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Para a cultura galega remata unha lexislatura autonómica que marca un tempo e diversos espazos, nos que se teñen conseguido e culminado interesantes avances nestes catro anos. Unha realidade que lles servirá a moitas xeracións de marco referencial, onde o noso ente cultural saíu daquel afastado e mimético cortello, feito á medida da dereita. Hai catro anos que Ánxela Bugallo tomou conta da Consellería de Cultura e Deporte, nomeando un magnífico equipo que tentou recuperar e normalizar unha serie de perspectivas que dignificaran a nosa cultura en tódolos seus horizontes.

Unha política de emerxencia, foi o destaque do momento, ante a desfeita que deixaban os dezaseis anos da política de Fraga. Naqueles tres primeiros meses en que os técnicos e colaboradores, coordinados por Ánxela Bugallo, daban os seus primeiros respiros, servidor escribiu neste mesmo medio, o 29-11-2005: "O ritmo de traballo, conceptos, programas e contactos que Ánxela Bugallo está realizando parece indicar que entramos nun renovado escenario de innovar Galiza".

Cumpriuse con creces a renovación do noso escenario cultural, con políticas que fomentaron novas expresións en ámbitos silenciados. Neste sentido, non hai mais que ver os niveis con que o PP entregou a Consellería de Cultura en 2005, e como a deixa o BNG na actualidade. As estatísticas dos resultados son invariablemente elocuentes.

Con respecto das infraestruturas e as dimensións cualitativas da nosa cultura, esta Consellería saíu daquel minifundio cultural e de demagoxias especulativas. Tres direccións xerais son merecentes de mención, a de Difusión Cultural, dirixida por Luís Bará; a de Patrimonio Cultural, dirixida por Felipe Arias e a de Deporte, dirixida por Marta Souto.

O labor realizado por estes departamentos marca un fito histórico. Os analistas do futuro poderán determinar eses logros e, sobre todo, observar as vías exploradas que abriron perspectivas de futuro.

Ánxela Bugallo e o seu equipo lograron exteriorizar a nosa cultura nacional, secuestrada por gobernos da dereita. Nestes catro anos o cortello deixou de existir. Todas as expresións da nosa cultura foron levadas alén da nosa xeografía. A XVII Feira Internacional do Libro da Habana de 2008, dedicada a unha nación sen Estado, como é Galiza. A feira foi visitada por máis dun millón de persoas, o amplo escenario que particularizou Galiza foi ovacionado. Acabo de chegar da XVIII edición, celebrada o mes de febreiro, o país convidado foi Chile, cunha organización moi inferior ao pavillón de Galiza. Os cubanos, tan sensíbeis a estas efemérides, facían notar este ano a notoriedade de Galiza sobre outros países convidados.

Estas perspectivas de orientar a nosa cultura cara a outros horizontes, non causou ledicia nos que precisan do gueto para alienar e desvirtuar a nosa cultura e con ela a nosa identidade. E disto encargouse a dereita, valéndose de lacaios que escolleron como branco a disparar, á propia Ánxela Bugallo.

A esta cacería apuntáronse certos xornais, sempre creando dúbidas sobre a súa xestión e sen analizar as visións e os cambios que se ían producindo, nunha cultura silenciada, desde a Consellería de Cultura e Deporte. Todo estaba previsto, alterar a orde por medio de infundios e mentiras que foi o inicio dunha campaña mediática contra a conselleira.

E nesta trampa caeu a dirección do BNG, ao prescindir de Bugallo nas listas electorais. A descortesía e o menosprezo de certos dirixentes nacionalistas non alteraron a fidelidade de Ánxela Bugallo a participar na campaña electoral, sen fisuras, e deixando de lado mesquindades, aferrándose con dignidade ao que pensa e ao que cre. Mais o tempo pon as persoas na súa verdadeira magnitude, pese ás cambadelas.