X.X. González: porta dun futuro proletario 09.06.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A vila do Baño de Cuntis, a romana Aquae Calidae, entre os gurgullóns das súas burgas ou caldas, a cultura galega impregnouse de atribucións, na pegada que as súas xentes construíron o seu hábitat comunal ao redor desa riqueza natural que é a auga hipertermal que excede dos 64ºC, a onde a xente peregrina para obter os dons da súa facultade curativa. Mais os monopolios, que todo estragan e apropian, montaron os grandes balnearios e fixéronse donos da auga pública. Ese ben comunal que os de Cuntis, saben ben do seu valor e da súa utilidade. Até os lavadoiros públicos gozan de auga quente, de pretendida usurpación por estes monopolios.

 

O pulo cívico da xente traballadora de Cuntis, pode que se resuma nese monumento dedicado aos seus canteiros, que alzan mazos e picos, obra de Maxín Picallo e que se exhibe na praza da Constitución. Desde este monumento, un comeza a entender o pobo traballador do Baño de Cuntis que se instalou ao redor das súas caldas e a ambas as beiras do río Galo, que pasa cantareiro entre as paisaxes míticas e oníricas.

 

Terra plena de historia, feita por homes que universalizaron a cultura galega e testemuñaron o porvir dunha Galiza de progreso e de liberdade. Foi así como dous egrexios fillos de Cuntis o puxeron en practica, como Roberto Blanco Torres (1891-1936) e Xohán Xesús González (1895-1936), asasinados polos falanxistas. Dous sementadores de froitos apetecidos pola actual xeración que sabe degustar ese sabor de conquista. O Cuntis actual de Ana Miranda e de Héitor Picallo e tantos nomes de mozos que representan a constancia do presente e a esperanza do futuro dunha Galiza capaz de vencer todos os atrancos que hoxe lle impoñen.

 

A Asociación Cultural O Fervedoiro aliméntase da acción desa mocidade inqueda de Cuntis que loita pola nosa lingua e revaloriza aqueles homes que durante anos ficaron afastados e que agora toman vixencia nestes inquedos fervedoi- ros.

 

Por iso homenaxean a Xohán Xesús González cunha exposición biográfica e itinerante que inauguran na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, o próximo sábado día 13 de xuño, ás 13.00 h, baixo o título, Xohán Xesús González: Porta dun futuro proletario.

 

Alí estará o escritor e poeta Xosé Vázquez Pintor, valedor da nosa cultura e sempre presente na reivindicación da memoria silenciada. Uxío Breogán Diéguez Cequil, director do Centro de Documentación Alexandre Bóveda e un membro da Comissom da Memoria Histórica da Gentalha do Pichel de Compostela.

 

Unha homenaxe puntual dos fervedoiros de Cuntis que tentan redescubrir unha das figuras senlleiras da nosa intelectualidade e da acción popular nos tempos da II República. Velaquí o labrego pobre, o canteiro que chegou ás aulas universitarias de Compostela e despois exerceu de avogado, sen perder o seu atino cos seus, coa tropa humilde de Galiza.

 

Este fillo da parroquia de Cequeril, é un exemplo a non esquecer no que toca á súa intelectualidade e ó seu pensamento, posto ao servizo de sacar Galiza do subdesenvolvemento. Por iso foi unha persoa moi precoz e comprometida tanto nas sociedades agrarias como explicando esa problemática en diversos xornais galegos. É dicir, a súa obra xornalística é aínda de gran valor e de puntual vixencia. Por iso, non cesaron as represalias e, á medida que estas ían in crescendo, non deixou de manifestar novas ideas proxectadas cara ao nacionalismo e que teñen un calado extraordinario dentro do contexto marxista. Nos seus escritos atopamos unha nova orientación que ten que ser reorientada.

 

De Xohán Xesús González non podemos esquecer o nacionalismo como proxección internacionalista; como reflexión de encarar a realidade e o pragmatismo que, nacionalismo e marxismo teñen que ir de mans dadas.