Até sempre, dona Tencha - 23.06.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

"Tencha fue una mujer admirable, notable, inteligente, consecuente, defensora de la democracia, de las libertades, de los derechos humanos de la paz y también del reencuentro entre los chilenos". Palabras de Michelle Bachelet, presidenta de Chile, no acto fúnebre de Hortensia Bussi (1914-2009), viúva de Salvador Allende, esclarecen a puntualidade emerxente que dona Tencha realizou durante a satrapacia ditatorial de Pinochet.

 

Dona Tencha foi unha muller admirábel, pola súa calidade humana e intelectual, que soubo reconducir a súa vida e darlles exemplo aos chilenos de como orientarse en encrucilladas tenebrosas como a que imperou en Chile desde aquel 11 de setembro de 1973. A súa notabilidade tomou un carácter esencial por estar ao lado dos que sufriron dobre afronta, por seren pobres e explotados. Para eles sempre tivo unha mensaxe esclarecedora. A intelixencia foi un dos dons que Hortensia Bussi levou como insignia de claridade e mesura; que soubo ser pragmática en tantos momentos delicados polos que pasou o Chile da ditadura. A súa intelixencia levouna a ser consecuente coas súas ideas e manterse insubornábel fronte aos depredadores das liberdades. E neste punto hai moito que dicir e escribir de dona Tencha, como defensora da democracia chilena e reivindicadora dos Dereitos Humanos e con apelos á paz.

 

Ante o silencio imposto polas botas militares, Tencha Bussi fixo posíbel o reencontro dos chilenos do exilio cos do interior, sometidos a torturas e asasinatos. A viúva de Allende foi a impenitente peregrina que visitou case toda a urbe en demanda de solidariedade e dando a coñecer a situación real dos seus compatriotas. Unha muller de aparencia fráxil, con voz e xestos equilibrados, pausada e nada impulsiva. Esta é a opinión que tiven cando a escoitei por primeira vez no Palau d"Esports de Barcelona en 1977. Presentouna o dirixente do PSC, Joan Raventós, que tamén descubrín nel un enorme orador que condenou con contundencia a ditadura militar naquel Palau ateigado de solidariedade. Despois, dona Tencha subiu ao estrado e abordou un sen fin de dilemas polos que pasaban os chilenos, reafirmándose nunha petición de solidariedade e defensa dos Dereitos Humanos. Non mencionou nin unha soa vez o nome de Pinochet, tal monstro non tiña cabida na súa palabra.

 

A segunda vez que vin e falei con Hortensia Bussi, foi en 1980 nas Cotxeres de Sants en Barcelona. Demandou compromiso en favor da recuperación democrática en Chile. Outra vez Raventós, o Guti (dirixente do PSUC) e a irmán menor de Che Guevara, e ao final o discurso pousado e vibrante de dona Tencha. As ovacións puntualizaban os seus severos matices. Tiven o honor de falar con ela uns tres minutos, e a súas palabras foron de agradecemento por asistir e persistir na solidariedade co pobo asoballado de Chile. Notei nas súas palabras equidistancia co discurso clásico dos políticos de esquerda que salientaban en facer vibrar as masas mais que convencelas. Nese momento, tiven a impresión de que dona Tencha tiña un gran poder de convicción e de persuasión sobre o que acontecía no seu país. A súa doce e tensa mirada mostráballe ao interlocutor que esta muller era dun enorme talento humanista de estar á altura das circunstancias.

 

Esta miña impresión coincide co que di sobre Tencha, Ariel Dorfman, que acaba de publicar: "La primera vez que vi a Tencha Bussi de Allende -la primera vez de veras, que de veras la vi, que verdaderamente comprendí quién era ella- fue en Roma, un día incierto de marzo de 1974. Por cierto que mis ojos la habían divisado antes, en múltiples ocasiones: en su casa de Santiago, ya que era amigo de juventud de sus hijas Isabel y Tati". Desde a area quente de Chile todo un símbolo resplandece que entra na grande historia da dignidade do seu país.