Patria-lingua en Novoneyra 21.07.2009
ECOS DA BERENGUELA -
XOSÉ LOIS GARCÍA
Os discursos e apertura ou clausura que Uxío Novoneyra pronunciou en diferentes eventos, como presidente da AELG, sobre todo nos Galeuzca, sobre lingua, nación e liberdade do pobo galego, conclúen no pensamento nítido que el tiña dos problemas actuais sobre o noso idioma. Polo seu pragmatismo marxista e nacionalista, soubo discernir moi ben as problemáticas que acosan actualmente á nosa lingua e á nosa identidade. No centenario da morte de Rosalía (1985), dixo: Galicia non está clausurada. Non é unha nacionalidade histórica senón simpremente interrumpida, un pobo inda vivo, con idioma vivo; anque a maioría d"ise pobo teña esquecida a sua condición nacional galega como fundamento e petición de soberanía, de autodeterminación, todos nós sabemos, nos sentimos galegos. E xa miles de corazós ardentes velan Galicia cunha clara, firme decisión nacional. Galicia irá definíndose, aclarándose na concencia dos galegos, e cada vez serán menos os que se trabuquen de Patria, que xa é trabucarse. (...) Todos vamos nun mesmo Movimento de Liberación Nacional.
O 16 de maio de 1996, véspera das Letras Galegas, dixo: Estamos en Pontevedra unha vez máis polas Letras Galegas. Pero ¿qué siñifican? ¿Qué se celebra como Letras Galegas? ¿Celébrase como decisión dos escritores en Lingua Galega dendes fai 150 anos a recuperar a Lingua como tal e como símbolo vivo e como forma da nación galega. (...) En tempos escuros ou difíciles, os políticos retíranse e os escritores pasan á primeira linea na resistencia nacional, como ocurriu na Dictadura. Cando se albiscan novas posibilidades e reais expectativas de poder, novamente os políticos volven e os escritores pasan a segundo pran como ocurriu trala Dictadura. A defensa da Lingua é unha responsabilidade xorda adequerida por vía de concencia que pasa a ser unha decisión tácita. O escritor galego nesa situación está como secuestrado pola patria. Un deber que lle ven imposto. Nós non escollemos unha Lingua en peligro. Somos dela profundamente como o somos do planeta. Por eso se destingue ás Letras Galegas como o principal día Nacional de Galicia.