Río de Xaneiro, comeza a festa - 06.10.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Imaxino a festa que comeza en Río, con luminarias sobre a baía de Guanabara, onde as ondas do mar levado xa fan olimpíada. Nos barrios de Bota Fogo e Flamengo, onde din que saíu o mellor fútbol do mundo e que agora erguen bandeira e orgullo nacional. A festa continúa nos rentes das praias da Barra, Leblom, Ipanema. En Copacabana, resoan as batucadas africanas baixo o sol ardente do trópico, incitando as ancas a movementarse na capoeira infinda que as toadas do berimbau fan olimpíada de festa ao redor do monumento ao grande Drummond de Andrade, coa vaca que ri e le poesía. Copacabana, en luxuriosa harmonía, prepara festa e orxía onde os deuses terreais se acomodan para sacralizar todo o que a festa olímpica reclama e canoniza. E desde as bravas ondas que alisan a longa praia de Copacabana, un pode imaxinar que o Pão de Açucar é o monte Cronio, o das gregas olimpíadas; ou o cumio de Corcovado ollalo como o santuario de Olimpia, e a suculenta estatua do Cristo Redentor como se fora Zeus todopoderoso.

 

Os cariocas, nesa ocasión, exhibirán a outra face da moeda vivencial, a dos barrios pobres que a circundan; o mundo das favelas e a cultura da multimarxinación que soportan os favelados; o peso das tebras de opresión do mundo capitalista, que se asaña con Latinoamérica, ten no Brasil a súa máis cruel expresión.

 

Pero o Brasil vai estar á altura, como sempre o fai naquilo que organiza, para que os foráneos perciban o seu resplandor. Brasil precisaba deste evento, que será apoteótico e irá alén das súas fronteiras. Toda Suramérica fai seu este triunfo do Brasil, como países marxinados polo autarquía do primeiro mundo especulativo. Brasil é un gran país, cun peso enorme e de influencia en toda Suramérica; cun desenvolvemento económico importante que cada vez máis vai deixando atrás os traumas e as sombras en que estaba envolto. Brasil ten un peso e unha credibilidade que fortalece un posicionamento firme de Latinoamérica fronte ao gran xigante, Estados Unidos de América. Polo tanto, esta enorme potencia, en tódolos ámbitos, emerxe en varias direccións e ritmos. Con tódalas contradicións que teña, como as de carácter existencial, está polo camiño certo de abandonar prexuízos que lle serviron de atadura.

 

Organizar en 2014 o Campionato Mundial de Fútbol e en 2016 os Jogos Olímpicos, presupón para o Brasil rachar amarras e confirmar a realidade dun gran país cunha enorme cultura que excede a súas fronteiras. Cunha lingua común a outras nacionalidades e cun enorme proxecto que fornecerá a súa credibilidade.


Por segunda vez, a aspiracións de Madrid a organizar as olimpíadas 2016 non tiveron éxito. Talvez a ambición e a improvisación mutilaron o pragmatismo e unha elaboración puntual e calculada, como no seu día fixeron os cataláns con respecto aos Xogos Olímpicos que organizou Barcelona en 1992, involucrando a toda a cidadanía. Naquela ocasión o alcalde, Pasqual Maragall, soubo explicar o cambio estrutural e o dinamismo dun cambio real que experimentou a cidade. Aínda que por obra e graza do presidente do COI, Samaranch, experimentouse a realidade dunha Barcelona diferente coas olimpíadas.

Aquilo representou para ese Madrid centralizador, de tantas cousas que non lle pertencen, un trauma por ser os periféricos, sobre todo, os seus rivais os cataláns, os primeiros en organizaren uns xogos olímpicos no Estado español. Unha espiña cravada no subconsciente de moitos madrileños que os precipita ao desquite, xa por segunda vez; unha estratexia ben calculada polo PP, que se volveu máis contra o partido que contra Ruiz Gallardón.

A corazonada mobilizou a Madrid, dun xeito simpático e nada coherente, que contrasta co pragmatismo dos cataláns. Dúas posturas ben diferentes e ben e irreconciliábeis.