O Laxeiro de Neira Vilas - 03.11.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Xosé Neira Vilas é o escritor que sempre nos aproxima a esa tenra humanidade do outro; do amigo, do creador e do inconformista. Un diálogo emancipador, aínda que errante, pero sempre útil e desmitificador, para descubrir o verdadeiro rostro e o xesto inadvertido do persoeiro que Pepe Neira convoca o seu memorando. Na súa máis recente primicia editorial tráenos unha longa crónica vivencial, titulada: Encontros con Laxeiro (Ir Indo Edicións). Un libro que está dentro da canónica de Neira Vilas, no que respecta a entrar e pescudar na vida e na obra de seus amigos (como é este o caso) mais dunha maneira pulcra e reverente. Unha maneira de descarnar esas testemuñas que acollen as sabenzas e as fertilidades dun creador, mecenas de tantos sucesos e de tantas andainas por nutridos universos contemplados.

Ese incesante itinerario polo que Xosé Otero Abeledo (Lalín, 1908-Vigo, 1996) o noso Laxeiro, conforma esas achegas e transcendencia nas que se transfire a pegada máis sabia e inocente que herdou nas terras do Deza, e nas súas instancias en Cuba, Arxentina, Madrid, Santiago e Vigo. Sempre convocándonos na súa itinerancia, no seu proselitismo, levando e desvendando a Galiza emigrante e exiliada no seu trazo pictórico. Aí está esa proeza sublime de Laxeiro tanto no valor ético como estético que encarna a súa obra e o seu humanismo.

Xosé Neira Vilas, neste caso, non é un observador pasivo que dialogue con seus persoeiros desde a varanda. El saltou ao terreo da observación máis próxima do seguimento, como cronista e non como xornalista ou escritor. Impón os seus códigos para que a súa obra se desdobre tato no eido do xornalístico como no da escrita. Así o manifesta en variados libros e temáticas que están orientadas desde ese estadio de crónica.

Non é fácil ser amigo de Laxeiro e convivir plenamente con el en tantos lugares espallados onde a nosa emigración fixo patria, sen perder o fío nin deixarse reducir por esa paixón de elevar o persoeiro a camuflados excesos e personalismos. Neira Vilas converteu a Laxeiro en contemplador contemplado; forneceu a convivencia e entrou nas entretelas do persoeiro elixido. Unha maneira de evitar a frivolidade e a distante que moitos autores de crónicas non son capaces de eludir. Neste caso, Pepe Neira coñece moi ben os códigos desa literatura que esixe pudor cando o persoeiro escollido está dentro dos círculos de amizade e sabe parcelar os contidos para darnos integramente un ser total que é capaz de tantas cousas e de actuar en múltiples escenarios como concorre no caso de Laxeiro.

Ese ser total, tanto na faceta humana como na de creador, aparece neste libro parcelando o home e o artista. Adentrarse nas seis partes que conforman este libro é unha maneira de situarnos no centro ocupado por Laxeiro, tanto nos seus relatos e historias esquematizadas, como nos encontros con varias persoas onde Pepe Neira está presente e retraído no seu oficio de cronista. Alén desta severidade testemuñal preséntanos a homenaxe que ofrecen poetas e escritores a Laxeiro, nos seus diversos xéneros e matices. A presenza do amigo é un caso notorio de ver a Laxeiro noutra orde de temas, sempre albiscado en seu humanismo e xenerosidade que converte este libro nun manual de diálogo con ese home espontáneo e tenro.

Neira Vilas ilustra estes encontros con homenaxes plásticas e musicais e, tamén, con sete cartas que Laxeiro remitiu a Anisia e mais a el. Encontros e testemuñas onde verdadeiramente atopamos ese galego universal que soubo entender a súa patria dunha maneira simple, como el era. Un Laxeiro que percibiu a Galiza auténtica e disidente e así a plasmou, configurando toda unha orde de elementos que evocan a nación galega e a súa liberdade.