Os reis magos, entre o poder e o vilipendio  06.01.2009
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A Igrexa utilizou a tradición dos reis magos na súa iconografía como base da súa loxística para cultivar o proselitismo nas persoas de máis tenra idade. Interferir na conciencia e no libre albedrío, facendo crer no que por pura lóxica é inaceptábel, é ­unha maneira de persistir na mentira e no engano. Na Igrexa hai espazo para todos, o que se lles ofrece aos nenos, alén do limbo, é unha felicidade falseada, irremediablemente sádica. Dominar dunha maneira sutil a mente das criaturas significou para as relixións monoteístas crear uns activos de castración mental exercendo a utilización do manipulábel.

Así que da maxia simplista daqueles buscadores de estrelas ergueuse o gran mito e tomou unhas proporcións inauditas. A ofrenda dos tres magos ao neno rei comezou a ter un papel de usurpación no que respecta a eses milagres tan falsos como cativadores. E nesa atracción de modelar a mente dos nenos coa complicidade de seus pais, estes sempre dados ás sorpresas, entraron no xogo e na rutina de ofrecer fantasías neses xoguetes que os reis magos traen se se portan como os seus proxenitores esixen, unha maneira de secuestrar a primeira liberdade do ser humano.

A Igrexa, cómplice deste enredo, abriu un camiño que o transferiu, economicamente, ao capitalismo que se aproveitou desas crenzas para crear unhas infraestruturas consumistas na que atraerían con facilidade certas clases, sobre todo urbanas. E nesta vía, o consumismo actual é o resultado dunha loxística na produción de xoguetes, na que os nenos fican emocionados, pero tamén, frustrados pola maneira de atrapallar o seu convivio nun só día, e que irán perdendo o interese por eses artefactos que aparecen na súa casa por simple capricho de quen os merca.

Eu son da xeración de posguerra, na que os nenos viviamos en carne viva aquela desfeita que produciu o franquismo vencedor e asoballador. Con máis sinais, pertenzo a aquela vella estirpe de labregos pobres do rural profundo da Galiza subdesenvolvida e reprimida. Os reis eran clasistas e non petaban na porta dos nenos pobres. Pero ademais, os xoguetes faciámolos nós os rapaces; tiñamos talento creativo para articular de calquera cousa un artefacto máxico que correspondía ás nosas vivencias comunais. Aí estaba a creación do necesario. Dun nabo articulábase un carriño; ­dunha caldeira vella ou dun cubete sen uso aproveitábanse os aros para facelos chiar e poder correr tras deles. Era algo marabilloso e transcendente usar iso como os adultos usaban un arado ou un carro que eles construían.

Que ben captou Castelao a ­dialéctica contraposta entre o pobo rural e o urbano, naquel debuxo no que unha nena urbana lle mostra un cabaliño con rodas a un neno de calzas remendadas e cun aro na mao, espetándolle: "A ti no te trajeron nada los reyes, porque tu papá es republicano ¿sabes?". Que maneira máis lúcida e contundente de mostrar a loita de clases e referenciar dous elementos estéticos ben diferenciados, un en función das necesidades do neno e o outro fabricado en serie sen que a nena tivese protagonismo.

Ademais había outra referencia notábel no medio rural que a servidor lle tocou vivir, todos os rapaces estabamos informados, polos nosos pais, de que os reis non existían, de que era unha montaxe da relixión e dos señoritangos da vila.

Hai unha cuestión básica de tipo moral e de conciencia que esta sociedade consumista se desentende, a falta de solidariedade co outro: cos millóns de nenos que no mundo carecen de alimentos. Os nenos dos musseques africanos e das favelas brasileiras non precisan de xoguetes, porque eles mesmos os constrúen, precisan mesmo dunha simple codia de pan e dunha dignidade que se lles nega. Estas contradicións son as que atenazan os condenados da terra.
06.01.2009

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras